Skip to main content

Traballan no fortalecemento da capacidade de adaptación e resiliencia da cidadanía ante o cambio climático

Catarroja, logo da Dana de finais de 2024. Foto: Manuel Pérez García e Estefania Monerri Mínguez
Catarroja, logo da Dana de finais de 2024. Foto: Manuel Pérez García e Estefania Monerri Mínguez
CLIMACTIVA é o primeiro estudo do seu tipo no Estado

Os desastres climáticos están cada vez máis presentes en todo o mundo. As comunidades non só lidian con riscos que se van desenvolvendo paseniño, como o aumento do nivel do mar ou o incremento de temperaturas, senón tamén con fenómenos extremos máis inmediatos, como inundacións, olas de calor ou incendios forestais. Neste contexto, é fundamental fortalecer a capacidade de adaptación e resiliencia das persoas, unha cuestión onde é clave a participación comunitaria e a organización de iniciativas cidadás. Porén, non existen moitos estudos que analicen estas iniciativas e o seu papel na articulación de respostas aos retos climáticos.

Con tal motivo, desde o mes de outubro de 2023 e no marco do Proxecto CLIMACTIVA ‘Integrar a adaptación e a resiliencia ante os riscos climáticos nos estilos de vida: iniciativas cidadás exemplares’, o Grupo de Investigación SEPA-interea da USC e a cooperativa Feitoría Verde desenvolveron un extenso traballo de campo para coñecer e caracterizar iniciativas vinculadas a riscos climáticos. O estudo CLIMACTIVA é o primeiro do seu tipo no Estado e permite ampliar o coñecemento científico existente sobre como está a responder a poboación ante o cambio climático.

En concreto, centráronse en once casos de estudo: Escolas de calor, de Sevilla; Comunidade de regantes ‘Ocho Caños’, en Cáceres; Barrios Verdes, en Gran Canaria; Asociación Veciñal Barrio Zofío, en Madrid; Berdesia, en Navarra; Asociación Pego Viu, en Alacante; Comunidade de Montes de Baroña, en A Coruña; Rede de Sementes de Aragón; Grupo de vixilancia ante crecidas de Alcalá de Ebro, en Zaragoza; Barrios polo clima, en Córdoba; e Comunidade de augas ‘O Galiñeiro’, en Pontevedra.

En todos eles realizáronse entrevistas a persoas directamente implicadas no nacemento da iniciativa ou na súa actual execución, abordando cuestións como os últimos episodios de secas, olas de calor, incendios ou inundacións; a reacción da cidadanía ao respecto; a coordinación ou desencontro coas administracións públicas; o tipo de actividades desenvolvidas; ou a dimensión de xénero na participación, entre outras moitas.

Froito dese inxente traballo é o informe divulgativo que se presentou hai uns días na USC xunto cunha proposta educativa acorde aos resultados da análise e unha guía de recomendacións para a integración do enfoque de xénero nas iniciativas cidadás. O acto estivo presidido polo profesor Pablo Ángel Meira Cartea, e interviñeron nel as investigadoras principais do proxecto Miguel Pardellas Santiago, Tania Merelas Iglesias e Mónica Arto Blanco.

Unha base social organizada
O principal obxectivo é contar cunha base social organizada e tomar medidas preventivas de forma cotiá en períodos de maior risco, claves para fortalecer a capacidade de adaptación e resiliencia das persoas ante os impactos do cambio climático. O informe contempla unha serie de suxestións e recomendacións dirixidas ás propias iniciativas cidadás, pero tamén ás administracións públicas competentes. De feito, o documento remitiuse a concellos, gobernos autonómicos e mesmo confederacións hidrográficas coa fin de impulsar actuacións en clave preventiva fronte aos riscos climáticos.

Do estudo concluíron que unha parte das iniciativas cidadás que abordan os riscos climáticos teñen a súa orixe en entidades xa existentes que xestionan un determinado recurso ou espazo (auga, monte etc.), que se ve afectado de forma directa polos impactos do cambio climático. Outras iniciativas son o resultado de persoas que buscan estar presentes na xestión do risco, polo que poñen en marcha actuacións neste sentido. Iso si, as iniciativas cidadás canalizan a necesidade individual de actuar e oriéntana cara a solucións colectivas, con accións de adaptación centradas en solucións baseadas na natureza e nos usos tradicionais, así como en medidas de protección colectiva ante eventos extremos.

O persoal investigador advirte que moitas veces o impulso cidadán se topa coa barreira das administracións públicas e que só de forma excepcional se constrúen espazos que permiten á cidadanía formar parte do deseño e posta en marcha dos procesos de adaptación. Ademais, as actuacións das iniciativas cidadás concíbense por parte dos seus protagonistas como un proceso aberto e mellorable en termos de adaptación ou de resposta rápida ante un evento extremo.

Outra das conclusións, e de aí a guía de enfoque de xénero resultante, é que existen estereotipos e roles de xénero presentes no día a día das organizacións aínda que se aprecian escenarios de transición cara a unha maior igualdade nos espazos de toma de decisións. O que marcan como reto é desmontar a crenza que infravalora ás mulleres como expertas en campos de coñecemento asociados ao ámbito STEM.

Climactiva
O proxecto CLIMACTIVA conta co financiamento da Fundación Biodiversidade, do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, na súa Convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de proxectos que contribúan a implementar o Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático 2021-2030 no exercicio 2023.

O estudo presentouse a finais de marzo en Ciencias da Educación
O estudo presentouse a finais de marzo en Ciencias da Educación
The contents of this page were updated on 04.04.2025.