Investigadores de toda España reúnense en Ciencias da Educación arredor da equidade e innovación educativa
Ciencias da Educación acolle este sábado 27 e o domingo 28 a terceira Reunión Científica de Investigadores Noveis do programa de doutoramento interuniversitario en Equidade e innovación en educación. Organizado polo propio estudantado deste doutoramento co apoio do coordinador na USC, o profesor Felipe Trillo, á xuntanza acudirán cen persoas entre profesorado e alumnado das distintas universidades participantes (ademais das tres galegas, as de Cantabria e Oviedo).
Durante a xornada abordaranse cuestións relacionadas coa inclusión e exclusión socioeducativa e coa innovación e equidade en educación. Ademais celebrarase o seminario ‘Investigación sobre desigualdades educativas e sobre as decisións clave para afrontalas’, a cargo do doutor honoris causa pola USC e catedrático de Didáctica na Universidade de Murcia Juan Manuel Escudero Muñoz.