Skip to main content

Programa ConCiencia

'Explorando o lado curvado do noso universo', relatorio a cargo de Kip S. Thorne, Premio Nobel de Física 2017

05.09.2025 | 19.30h

Santiago de Compostela
Salón de actos

Kip Thorne obtivo o Nobel en 2017. FOTO: https://www.alumni.caltech.edu
Kip Thorne obtivo o Nobel en 2017. FOTO: https://www.alumni.caltech.edu

O Premio Nobel de Física 2017, Kip S. Thorne, pronunciará o relatorio 'Explorando o lado curvado do noso universo. Dende buratos negros e buratos
de verme ata ondas gravitacionais e viaxes no tempo' o venres 9 de maio, a partir das 19.30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC. A conferencia de Thorne enmárcase dentro do programa ConCiencia, da USC e o Consorcio de Santiago, centrado na proxección pública da ciencia e que, dende 2006, trouxo a Compostela máis dunha trintena de premios Nobel. 

Kip Thorne, que obtivo o Nobel "polas súas contribucións decisivas ao detector LIGO e a observación de ondas gravitacionais", especializouse no estudo de buracos negros e estrelas de neutróns, e explorou a estrutura do espazo-tempo interesándose na posibilidade de realizar viaxes no tempo mediante buracos de verme. Durante décadas formou a xeracións de persoas que se dedican á Física e traballou xunto a figuras clave como Stephen Hawking e Roger Penrose (Premios Fonseca nos anos 2008 e 2011, respectivamente). Ademais, nos últimos anos mantivo unha estreita colaboración co cineasta Chistopher Nolan, a quen brindou asesoramento científico nalgúns dos seus títulos máis emblemáticos como é o caso dos filmes Interstellar (2014) ou Oppenheimer (2023).  

O programa de divulgación científica ConCiencia procura non só a proxección de Santiago como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia e o corpo de persoal investigador da USC.

Cartel do relatorio de Kip S. Thorne no marco do Programa ConCiencia
Cartel do relatorio de Kip S. Thorne no marco do Programa ConCiencia
The contents of this page were updated on 04.11.2025.