Skip to main content

Debemos priorizar a seguridade fronte a privacidade dixital?

Debemos priorizar a seguridade fronte a privacidade dixital?
Debemos priorizar a seguridade fronte a privacidade dixital?

Debemos priorizar a seguridade fronte a privacidade dixital? Catro especialistas en comunicación e TICs tentarán resolver esta cuestión este xoves 1 de xuño nunha nova Regueifa de Ciencia que terá lugar a partir das 20.00 horas en Ciencias da Comunicación.

Cuestións como se existen garantías de privacidade fronte ao estado ou as empresas, a propiedade dos datos persoais ou se é suficiente a lexislación existente serán tratadas nese foro de reflexión, no que coma sempre haberá dúas posturas claramente diferenciadas.

Defendendo a privacidade fronte a seguridade intervirá Marta Peirano, escritora e xornalista que dirixe a sección cultural de eldiario.es, onde tamén é adxunta ao director. Fundou CryptoParty Berlín, unha iniciativa arredor de cuestións sobre privacidade e seguridade en internet, e Elástico, un colectivo multidisciplinar co que codirixiu o proxecto COPYFIGHT en 2005 sobre cultura libre.

Xunto a Peirano intervirá tamén a avogada Paloma Llaneza, socia directora do bufete especializado en dereito tecnolóxico Razona LegalTech e árbitro da Corte de Arbitraxe para temas tecnolóxicos desde 2000. É ademais presidenta da Sección de Dereito TIC e fundadora e presidenta de AEDEL, a asociación de desenvolvemento das evidencias electrónicas líder en España.

Pola súa banda, apoiando a seguridade fronte a privacidade estará Eduardo Casas Herrer (@AguilaKen), técnico superior en informática e membro da Unidade de Investigación Tecnolóxica do Corpo Nacional de Policía. Está especializado na loita contra a explotación sexual de menores, pola que foi condecorado en varias ocasións. Profesor honorario das Universidades Autónoma e Complutense de Madrid, é autor do libro de divulgación sobre delitos en Internet La red oscura (A Esfera dos Libros, 2017).

Tamén na postura da seguridade intervirá Alberto Calero, enxeñeiro de Telecomunicacións presidente de A&JCalero Engineering e partner de Maven7, compañía punteira na ciencia das redes. Colaborou con Laszlo Barabasi desde 2002 en proxectos de ciencia de redes e foi parte activa dos desenvolvementos desta ciencia nos últimos dez anos. Calero foi ata 2011 membro do comité de Dirección de France Telecom España (Orange) e director da Unidade de Novos Servizos onde tivo a responsabilidade de desenvolver os servizos móbiles de datos, innovación e contidos.

The contents of this page were updated on 05.29.2017.