As posibilidades do humor dende unha perspectiva feminista, a análise no congreso Humor-Sofías

A Facultade de Filosofía acollerá entre o 14 e o 16 de maio unha nova edición do Congreso Internacional feminismos e humor ‘Humor-Sofías’, logo do éxito acadado o pasado ano. A cita reunirá máis de 70 relatoras de máis de dez países nun cartel con oferta cómica de primeiro nivel como Flavita Banana, A Panadaría, Esther Gimeno, Isabel Risco, Patricia de Lorenzo, Lucía Aldao ou Nuria Penas.
O encontro pretende reflexionar conxuntamente sobre as posibilidades do humor dende unha perspectiva feminista, un campo de estudo coa enorme potencialidade de ser abordado desde múltiples disciplinas, en todas as áreas do coñecemento, entre elas a filosofía, a arte, a comunicación, a literatura ou a historia.
O programa científico abrirá cunha entrevista da presidenta do comité organizador Iolanda Martínez Suárez a Flavita Banana na que comezarán a darlle voltas ao humor. Haberá ademais varias mesas de diálogo sobre cuestións diversas nas que reflexionarán persoas do mundo da comedia e a Academia como Daniel Gamper, Patricia de Lorenzo, Isabel Risco, Ana Romaní, Erin K. Hogan, Matthew Hilborn, Leonor Gurillo e Araceli Gonda. A actualidade e o interese da sociedade serán as claves que marquen as mesas de comunicacións sobre temática moi diversa, pero sempre coa relación entre feminismos e humor como eixo de análise e reflexión.
Unha ruta por Santiago buscando referentes de feminismo e humor con Marta Pérez, un obradoiro con Lucía Aldao para dar forma ás conclusións do congreso en diferentes linguaxes artísticas e dixitais e as gargalladas feministas con Nuria Pernas, Esther Gimeno e A Panadaría coas que se pechará cada xornada completan o programa deste encontro que obtivo financiamento na convocatoria de axudas feministas do Instituto de las Mujeres en 2024.
O comité organizador está formado por un equipo de organizadoras de seis universidades: Iolanda Martínez Suárez e Marta Pérez Pereiro, da USC; Catherine Barbour, do Trinity College Dublin; Saleta de Salvador Agra, da Complutense de Madrid; Erin K. Hogan, da Maryland Baltimore County; Amparo Huertas Bailén, da Autónoma de Barcelona; Laura Lesta García, do Middlebury College.
A asistencia a este congreso é gratuíta ata completar a capacidade da sala, previa inscrición ata o 10 de maio.