
O Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acolle este martes 6, ás 18.00 horas, a proclamación da obra gañadora do I Premio de Curtametraxes da Cátedra Iberoamericana, que dirixe a profesora María Cadaval. Esta primeira edición contou coa colaboración de Nuria García.
O certame naceu co obxectivo de fomentar a creatividade entre o estudantado da USC e, ao mesmo tempo, promover a visibilización do nexo iberoamericano de Galicia. Esta primeira edición centrouse en dar a coñecer parte da realidade emigrante das mulleres galegas a través dunha institución simbólica: o Hospital Hijas de Galicia da Habana, por mor do seu 100 aniversario. Este centro sanitario foi fundado en 1924 pola Asociación Hijas de Galicia, Sociedad Sanitaria y de Auxilio Mutuo, co propósito de prestar atención médica ás mulleres galegas emigradas a Cuba en situación de vulnerabilidade.
Durante o acto proxectaranse as curtametraxes presentadas ao certame. Ao remate, anunciarase a curta gañadora. O xurado está integrado por figuras de recoñecido prestixio no ámbito cultural, audiovisual e no coñecemento da emigración galega: o guionista Roberto G. Méndez, o actor Antonio Mourelos e a xornalista e escritora María Xosé Porteiro. O evento é de acceso libre ata completar a capacidade do espazo.
