O campus científico de verán XuvenCiencia 2025 abre o seu prazo de inscrición o 9 de maio ás 15.30 horas

XuvenCiencia 2025 abre o seu prazo de inscrición este venres, 9 de maio, para mocidade de ata 19 anos de terceiro e cuarto curso da ESO, Bacharelato e ciclos medios de Formación Profesional, ata completarse un total de 95 prazas en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios. Este campus de verán botará a andar a súa décima terceira edición o vindeiro 29 de xuño no Campus de Lugo da USC e estenderase ata o 5 de xullo, coa intención, un ano máis, de espertar vocacións científicas entre o estudantado preuniversitario.
As persoas interesadas en participar, poden solicitar praza a partir das 15.30 horas na páxina web de XuvenCiencia. Das 95 prazas ofertadas, a metade serán adxudicadas por orde de inscrición, mentres que a outra metade será distribuída mediante sorteo entre todas as persoas preinscritas, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades. O formulario permanecerá aberto ao longo dunha semana. Como en anos anteriores, o programa incluirá obradoiros prácticos, visitas a centros de investigación da USC en Lugo e doutros puntos da contorna, así como diversas actividades deportivas e de ocio. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña, con propostas de lecer.
Proxectos
As persoas participantes poderán escoller entre diferentes proxectos relacionados coas áreas biosanitaria, científica experimental, de ciencias sociais e de humanidades, que se desenvolverán coa guía de persoal docente e investigador e en diferentes centros, laboratorios e en espazos do Campus de Lugo da USC. Así, profundarase nos segredos da comunicación científica; coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades, ou realizarase unha aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais. Mediante hardware de fonte aberta arduino, e tamén sensores ambientais de baixo custe, o estudantado poderá rexistrar parámetros do medio ambiente como temperatura ou humidade do aire.
Outros dos proxectos ofertados abranguen dende como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo; os fundamentos da electrónica, a programación e o control automático construíndo e adestrando un robot capaz de manterse en equilibrio por si mesmo; as análises bioquímicas sen necesidade de facer probas moi complicadas; unha inmersión real no Hospital Veterinario Rof Codina; os mecanismos químicos que permiten a creación de pratos extraordinarios chamados non só a satisfacer o sentido do gusto, senón tamén da vista, o olfacto e o tacto; a descomposición da auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica; diversos recursos e metodoloxías que aplicar na docencia; as constantes vitais, a realización de probas diagnósticas e o manexo de materiais cirúrxicos para a realización de curas.
A documentación antiga para facer unha investigación histórica e mergullarse nos rexistros criminais dos séculos pasados para reconstruír casos sen resolver; técnicas para o diagnóstico de enfermidades infecciosas; o peixe cebra, un organismo modelo para a experimentación en áreas como a biomedicina; ou a construción dunha mesa vibratoria 1D controlada por hardware libre e que permita aplicar sobre maquetas ondas de diferentes tipos, para ver como responde, e analizar o seu comportamento en caso de que se producise un sismo, completan a listaxe de proxectos.
