Skip to main content

A Sociedade Europea de Biomateriais recoñece o papel de iMATUS como centro de referencia investigadora en Europa

Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva
Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva
Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese neste instituto da USC, conseguiron o Premio Europeo de Doutoramento Julia Polak 2025
Santiago de Compostela

A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.

A tese doutoral de Ana Iglesias Mejuto, titulada ‘Development of aerogel-based formulations for regenerative medicine’ realizouse baixo a co dirección de Inés Ardao Palacios, do grupo Biofarma da USC, e Carlos Alberto García González, da Facultade de Farmacia e iMATUS. A súa investigación céntrase no desenvolvemento de novas formulacións baseadas en aeroxeles para aplicacións en medicina rexenerativa, contribuíndo ao deseño de biomateriais innovadores con potencial terapéutico. Na actualidade, Ana sigue vinculada a iMATUS como contratada posdoutoral.

Pola súa banda, a tese de Miguel Pereira titulada ‘Design and development of gemcitabine-loaded nanoplatforms for advanced pancreatic cancer-targeted therapies’ levouse a cabo no contexto dunha colaboración internacional baixo a dirección de Carmen Álvarez Lorenzo, da Facultade de Farmacia e iMATUS, e Ana Cláudia Paiva-Santos e Francisco Veiga, da Universidade de Coimbra. O traballo aborda o deseño e desenvolvemento de nanoplataformas para tratamento de cancro de páncreas avanzado, achegando solucións prometedoras para mellorar a eficacia e especificidade dos tratamentos. Pereira incorporouse hai uns meses como investigador contratado ao MD Anderson Cancer Center (USA), un dos centros máis prestixiosos no seu ámbito.

Para a directora de iMATUS, Carmen Álvarez, a obtención do Julia Polak Award “supón un recoñecemento internacional á excelencia investigadora e formativa de ambos galardoados, e reforza o papel de iMATUS como centro de referencia europeo no campo dos biomateriais”.

A Sociedade Europea de Biomateriais concede anualmente este premio a persoal investigador que cumpre con criterios de excelencia académica e científica, incluíndo estadías internacionais, publicacións en revistas de alto impacto e participación activa en congresos internacionais, seguindo os estándares de calidade establecidos en honor á profesora Dame Julia Polak. O premio entregarase este ano no transcurso da 34 Conferencia Anual da Sociedade que terá lugar en Torino (Italia) no mes de setembro.

The contents of this page were updated on 05.08.2025.