Skip to main content

O uso nas aulas dos kits de aprendizaxe creados no Campus Terra da USC centra a III Xornada XuvenCiencia para Profesorado

Kits de aprendizaxe nas aulas desenvolvidos ao abeiro de XuvenCiencia
Kits de aprendizaxe nas aulas desenvolvidos ao abeiro de XuvenCiencia
A sesión de traballo programada o sábado 28 na sede universitaria luguesa servirá tamén para a presentación do dispositivo educativo científico-técnico ‘Aqualab’

A terceira edición das xornadas ‘XuvenCiencia para profesorado. Mergúllate na investigación’, un foro de comunicación e información entre profesorado de ensino secundario e universitario, promovido polo Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC, reúne este sábado na Biblioteca Intercentros de Lugo e nos laboratorios de investigación do Campus Terra da USC profesores de ensino secundario e Formación Profesional das especialidades de Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía e Tecnoloxía, que xa están a traballar cos kits de aprendizaxe ‘ XuvenCiencia na Aula’.

Esta xornada, orientada a promover actividades conxuntas dirixidas ao fomento das vocacións científico-técnicas e científico-sociais do alumnado preuniversitario, ten un marcado carácter práctico e está estruturada en oito horas, distribuídas en quenda de mañá e tarde. A coordinadora do Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC, Mercedes Novo Rodríguez, será a encargada de dar a benvida aos participantes nesta xornada de intercambio de experiencias e formación, na que, entre outros cometidos, todos os participantes intercambiarán as experiencias e os resultados obtidos cos kits de aprendizaxe Animal CSI, Vitroplant e Photonics Explorer.

O perfeccionamento do manexo dos kits XuvenCiencia na Aula é un dos obxectivos desta xuntanza, no marco da que os responsables do Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía XuvenCiencia da USC tamén presentará o novo kit de aprendizaxe ‘Aqualab’. Este dispositivo educativo de sensores de medida de humidade do solo está desenvolvido polos profesores Montserrat Valcárcel, Miguel Ángel González, Jorge Dafonte e Javier J. Cancela, investigadores da área de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra.

Kit Aqualab

O proxecto do Kit Aqualab (sensores de medida de humidade no solo) baséase na realización dun balance hídrico moi sinxelo dun solo nunha maceta. A estimación dos elementos do balance hídrico é unha parte fundamental para conseguir un uso sustentable da auga. Nos currículos educativos de educación secundaria recóllense distintos aspectos relacionados coa auga, a súa xestión e consumo responsable; pero tamén é necesario o desenvolvemento de tecnoloxías baratas que permitan á poboación implicarse no aforro da auga en distintos ambientes (no fogar, na industria, etc.).

O kit levará os elementos necesarios para desenvolver tres actividades, tales como o son a montaxe do sensor de humidade do solo capacitivo; a calibración do sensor, a través da que se obtén unha curva de calibración medindo a resposta do sensor e o contido de auga no solo mediante pesado dunha maceta de solo. A realización dun balance de auga na maceta de solo, a fin de estimar a perda de auga por evaporación desde o solo, para o que se medirá o contido de auga no solo mediante pesada, a auga aplicada e a drenaxe, é a terceira das accións previstas neste kit.

As actividades para as que foi deseñado o kit educativo e de aprendizaxe nas aulas Aqualab están pensadas para que os profesores poidan realizalas de forma autónoma, aínda que existirá seguimento e asesoramento continuo por parte dos responsables do proxecto na USC.

The contents of this page were updated on 10.26.2017.