Esta noite, gala final do I Certame de Música Galega da USC
Guille LP, Leda Atómica e Noemia serán as tres formacións que esta tarde, a partir das 20:00 horas no Teatro Principal, actuarán na gala do I Certame de Música Galega da USC, de entrada libre.
Ao certame presentáronse 19 obras de diversos xéneros musicais, de grupos procedentes de distintas Facultades da USC, e entre as que o xurado seleccionou os tres finalistas que actuarán esta noite e dos que sairán o terceiro, segundo e primeiro premio.
A xornalista e poeta Xiana Arias presentará a gala, na que tamén actuará o grupo Ataque Escampe, que mañá impartirá aos participantes do certame un obradoiro de composición de cancións.
Promovido pola Comisión de Normalización Lingüística de Filoloxía en colaboración coas comisións das Facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Enfermaría, Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais, o certame naceu co obxectivo de fomentar a escritura de letras de cancións en lingua galega e a creatividade por parte da mocidade universitaria.