Skip to main content

Ciencias Económicas e Empresariais volverá a abrir as súas portas a Aquae Talent Hub

Dolores Álvarez e Julio Maside na presentación deste luns ante os medios de comunicación
Dolores Álvarez e Julio Maside na presentación deste luns ante os medios de comunicación
Composto dun obradoiro e unha master class celebrarase o 8 de novembro co obxecto de potenciar a innovación e o talento social e baixo o lema ‘Paixón polo talento’

A segunda edición de Aquae Talent Hub celebrarase o próximo 8 de novembro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Este evento concíbese como un espazo de debate e reflexión en torno á innovación e o emprendemento que recorre a xeografía española cun formato composto dunha master class e un obradoiro. Santiago de Compostela xa acolleu unha exitosa primeira edición deste evento o pasado mes de maio, á que asistiron máis de 400 persoas. A vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez, e o director de Viaqua, Julio Maside Bande, presentaron este luns o evento en rolda de prensa.

Santiago Roncagliolo
A master class versará sobre emprendemento e innovación comunicativa e solidaria da man do escritor, xornalista, guionista e traductor Santiago Roncagliolo. Licenciado en Lingüística e Literatura, Roncagliolo é un experto en innovación solidaria. As súas obras, nas que están moi presentes os recordos da súa infancia nun Perú gobernado baixo mandato militar, valéronlle o recoñecemento de público e crítica internacional.

En 2006 converteuse no gañador máis novo do Premio Alfaguara de Novela con ‘Abril Rojo’, obra incluída na lista dos 15 finalistas do Premio Independent Foreign Fiction, un dos galardóns máis prestixiosos das letras británicas. A revista literaria Granta seleccionouno entre os mellores escritores da súa xeneración e The Wall Street Journal cualificouno como ‘un dos próximos García Márquez’.

En 2015, invitado pola Fundación Aquae, Santiago Roncagliolo viaxou cun equipo de UNICEF polos ríos da selva peruana para coñecer de preto como é vivir sen auga e sen saneamento. En América Latina, uns 35 millóns de persoas carecen de auga potable (no mundo xa son 663 millóns de persoas) e 106 millóns non contan con saneamento axeitado. Esta experiencia na Amazonía peruana marcoulle tanto que decidiu plasmala nunha extensa reportaxe no diario El País (‘El orgullo de Bena Gema’).

Obradoiro
Pola súa parte, o obradoiro de Aquae Talent Hub permitirá explorar o proceso creativo e como xerar novas ideas dunha forma diferente da man de Irene Lapuente, física de formación e experta en Comunicación e Pedagoxía (as súas áreas de interese son o método científico, o design thinking e os procesos creativos) é cofundadora de La Mandarina de Newton, empresa que une ciencia e tecnoloxía para fomentar a creatividade.

Aquae Talent Hub é unha plataforma de impulso a novas ideas; un lugar de encontro onde compartir coñecemento e potenciar o talento; un espazo de reflexión e divulgación sobre emprendemento e innovación. Ata a data, máis de 2.400 persoas gozaron desta experiencia en Elche, Murcia, Málaga, Sevilla, Huelva, Granada e Santiago de Compostela.

O obxectivo que persegue Fundación Aquae, promotora da iniciativa xunto con Viaqua e a universidade compostelá, é xerar o interese polo emprendemento e os proxectos dos emprendedores, así como aportar visibilidade a iniciativas sociais que teñan unha forte vinculación co medio ambiente, a cultura, a cooperación e o emprendemento social. As persoas interesadas poden acadar máis información na web.

The contents of this page were updated on 10.30.2017.