Skip to main content

Estudantado de Odontoloxía desenvolve unha campaña informativa sobre a prevención do cancro oral

O material informativo que se distribuirá foi confeccionado polo estudantado e inclúe información sobre cancro oral e alteracións potencialmente malignas. Imaxe de arquivo dunha clase práctica de Odontoloxía. FOTO: Santi Alvite
O material informativo que se distribuirá foi confeccionado polo estudantado e inclúe información sobre cancro oral e alteracións potencialmente malignas. Imaxe de arquivo dunha clase práctica de Odontoloxía. FOTO: Santi Alvite
Os puntos de información dirixidos ao conxunto da cidadanía situaranse o vindeiro xoves, 12 de xuño, nas inmediacións da Biblioteca Concepción Arenal e na Praza Roxa, entre as 10.00 e as 14.00 horas
Santiago de Compostela

Con motivo da conmemoración do Día Europeo Contra o Cancro Oral este próximo 12 de xuño, e no marco da novena convocatoria de proxectos en Aprendizaxe-Servizo da Universidade de Santiago de Compostela, a USC impulsa unha campaña arredor desta enfermidade que contará con dous puntos informativos en Compostela. Entre as 10.00 e as 14.00 horas e en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro, a cidadanía poderá visitar as carpas situadas nas inmediacións da Biblioteca Concepción Arenal e na Praza Roza, onde estudantado da Facultade de Medicina e Odontoloxía transmitirá información sobre o cancro oral. De forma simultánea, levaranse a cabo revisións na Unidade de Medicina Oral da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.

O material informativo que se distribuirá foi confeccionado polo estudantado e inclúe información sobre cancro oral e alteracións potencialmente malignas así como un código QR que leva a un vídeo sobre autoexploración. Ademais, a iniciativa ten tamén presenza nas redes sociais a través do perfil de Instagram @canceroralusc_ que serve para dar aínda máis pulo á campaña. “Debemos ter en conta que o cancro oral é un tumor maligno que pode afectar a calquera parte da cavidade oral, o diagnóstico precoz está asociado a unha maior supervivencia, por iso é importante recoñecer a forma que ten de presentarse”, explica a coordinadora do proxecto, Pilar Gándara.  Unha úlcera na boca que tarda en curar máis de dúas semanas, un vulto ou unha mancha branca ou vermella que non desaparece, poden ser signos de cancro oral. Ante estas situacións, explica a docente, a persoa paciente debería ser revisada.

Alta incidencia

O cancro oral está relacionado co consumo de tabaco e alcol, a exposición prolongada ao sol (o que aparece no beizo) ou o virus do papiloma humano entre outros. Segundo o rexistro Galego de Tumores (REGAT), no ano 2022 diagnosticáronse só en Galicia 348 tumores de beizo, cavidade oral e farinxe e, a nivel mundial, segundo datos de Globocan, onde se consideran só beizo e cavidade oral, é o décimo sexto tumor en incidencia, por enriba do melanoma que se sitúa un chanzo por debaixo .

“O obxectivo desta campaña é concienciar a poboación da existencia de cancro oral e de como os propios pacientes poden participar no diagnóstico cun sinxelo acto de autoexploración, algo tan estendido noutro tipo de cancro como é o de mama e tan esquecido no noso terreo”, explica Pilar Gándara. Tamén facemos consciente ao estudantado da súa responsabilidade coa sociedade en xeral ante estas campañas e o seu papel como futuros profesionais na prevención desta patoloxía.

Alén da profesora Gándara, o equipo docente involucrado no proxecto está integrado por Andrés Blanco Carrión, Manuel Somoza Martín, Mario Pérez Sayáns García, Mercedes Gallas Torreira, María Dolores Reboiras López, Eva Otero Rey e Abel García García.

 

The contents of this page were updated on 06.10.2025.