Skip to main content

Administración educativa e decanos de Educación profundan na USC sobre o modelo de acceso á profesión docente

Este é o tema central dunha xornada monográfica da Conferencia de Decanos de Educación que reflexiona sobre a implantación dun ‘MIR’ educativo

Profundar no debate sobre o modelo de acceso á profesión docente será o tema central da xornada monográfica que este xoves 4 e o venres 5 celebra a Conferencia de Decanos de Educación na Facultade de Ciencias da Educación da USC de Campus Vida. Entre os seus obxectivos, o encontro busca “adiantarnos como Facultades responsables da formación do profesorado a un posible cambio de modelo de acceso á profesión docente e crear opinión” ademais de promover unha dinámica de diálogo coa administración educativa en España. A xornada permitirá tamén analizar o modelo de acceso vixente e explorar outras experiencias actuais no contexto europeo ou previas que poderían axudar a definir un modelo que permita seleccionar os/as mellores profesionais.

A presentación deste encontro celébrase este xoves 4 ás 16.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación, estando prevista a asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López; a decana da Facultade, Carmen Fernández Morante; o presidente da Conferencia de Decanos, Juan Carlos San Pedro Veledo; e a secretaria da Facultade compostelá, Cristina Abeal Pereira.

Deseguido, a partir das 16.30 horas comeza unha mesa redonda sobre as problemáticas e necesidades na formación e no acceso á profesión docente, con especial atención á visión da administración e dos centros de formación inicial. Nela intervirán representantes da administración educativa de Asturias, Cataluña, País Vasco, Galicia e da Rioxa. Xa o venres, a partir das 10.00 horas, estas xornadas revisarán os modelos e sistemas de acceso á profesión docente.

The contents of this page were updated on 05.03.2017.