Skip to main content

A USC acolle a xornada gratuíta de creatividade e innovación Aquae Talent Hub

A USC acolle a xornada gratuíta de creatividade e innovación Aquae Talent Hub
A USC acolle a xornada gratuíta de creatividade e innovación Aquae Talent Hub

O vindeiro 12 de maio, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC acollerá o evento gratuíto ‘Aquae Talent Hub’ (Paixón polo Talento), un encontro para afondar no mundo da innovación e os procesos creativos que organiza a Fundación AQUA e, en Santiago, en colaboración coa USC e Viaqua.

Os detalles deste evento déronos a coñecer o director de Viaqua, Julio Masid; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Mª Dolores Álvarez, e o reitor da USC, Juan Viaño, quen explicou que a xornada responde á metodoloxía propia que estableceu a USC para prosperar no emprendemento e a innovación, “apostando pola colaboración con outras entidades e organismos a través de diferentes accións colaborativas, como a que hoxe nos ocupa”.

Ademais, dixo, “ambas as dúas entidades, a que dirixo e a Fundación Aquae, defenden un novo modelo de desenvolvemento social, económico e medioambiental sostible, no noso caso mediante a innovación tecnolóxica e a investigación e o compromiso coa dignidade das persoas, cun claro fundamento de apoio ao emprendemento”.

O día 12 na USC
O Aquae Talent Hub desenvólvese nunha soa xornada en torno a un obradoiroe unha clase maxistral a cargo de especialistas en innovación e emprendemento. Nesta ocasión serán Cecilia Tham, recoñecida activista da innovación fundadora do centro de coworking Makers of Barcelona, e Irene Lapuente, fundadora da empresa La Mandarina de Newton dedicada ao fomento da creatividade.

Nos obradoiros empregaranse ferramentas propias do Design Thinking, cos que exercitar e pór en práctica metodoloxías para formular de forma innovadora resolucións de problemas que satisfagan as necesidades das persoas. Xa nas clases maxistrais compartiranse casos prácticos de éxito.

O evento diríxese a todas aquelas persoas que teñan interese por aprender sobre innovación, compartir os seus coñecementos con outras persoas e a comunidade virtual, ademais de ampliar a súa rede de contactos. Quen desexe participar deberá inscribirse previamente a través da páxina AquaeTalentHub.com. O alumnado do Campus de Lugo disporá dun autobús gratuíto.

Este evento de innovación chega a Compostela logo de ter lugar en Elche, Murcia e Málaga, e despois da capital galega viaxará a outros catro puntos da xeografía española, con outras temáticas e persoal experto.

The contents of this page were updated on 05.05.2017.