Skip to main content

Descobren novas dianas fronte ao fígado graxo

Rubén Nogueiras e Begoña Porteiro, primeiros pola dereita
Rubén Nogueiras e Begoña Porteiro, primeiros pola dereita
A clave atópase nunhas proteínas, coñecidas ata agora polas súas propiedades como supresoras tumorais, e que agora se sabe que regulan a cantidade de graxa que almacena o fígado

Amplamente estudadas como supresoras tumorais en estudos oncolóxicos, un grupo da USC mostra por vez primeira que as proteínas p53 e p63 regulan a cantidade de graxa que almacena o fígado, o que podería reverter a esteatose, enfermidade producida pola acumulación de graxa e acompañada de procesos inflamatorios.

Trátase dunha enfermidade progresiva que pode acabar desencadeando un cancro de fígado e para o que aínda non hai un tratamento, como explica o coordinador deste novo achado, o profesor titular do Departamento de Fisioloxía e investigador do grupo de Metabolismo Molecular da USC, Rubén Nogueiras. A esteatose ten cada vez un maior alcance na poboación, estando intimamente asociada ademais a enfermidades como a obesidade e a diabete tipo II. Esta é a primeira etapa dunha doenza cuxa evolución podería derivar a esteatohepatite, fibrose, cirrose e finalmente cancro de fígado.

Polo seu papel como supresoras tumorais, tíñase documentado a capacidade de p53 e p63 como factores de transcrición, regulando o ciclo de desenvolvemento celular, a capacidade de proliferación ou como indutores da morte celular programada (apoptose), pero “o seu labor no metabolismo é practicamente descoñecido”, aclaran Rubén Nogueiras e a primeira asinante do traballo que agora acaba de publicar a revista de alcance mundial Nature Comunications Begoña Porteiro, ambos da USC.

O novo traballo do equipo liderado polo investigador da universidade compostelá revela a posibilidade de reverter a esteatose, concretamente o “estudo mostra por vez primeira que a activación de p53 e a inhibición de p63, e máis concretamente unha isoforma específica chamada TAp63, reducen a acumulación de graxa no fígado de modelos animais con esteatose, dado que diminúe a síntese dos lípidos”. A estes datos os investigadores tamén engaden a corroboración obtida en células hepáticas de orixe humano, dado que pacientes con esteatose presentan niveis elevados de p63, “polo que os resultados poden ser clinicamente relevantes”.

O equipo de Rubén Nogueiras coordina este estudo que tamén asinan persoal investigador de Center for Cooperative Research in Biosciences do País Vasco (CIC Biogune), do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBERehd), do Hospital Universitario de Salamanca e da Universidade de Córdoba.

Traballos previos
Os novos achados conforman unha liña de traballo que coordina Rubén Nogueiras dende comezos desta década e que hai uns meses xa permitiu ao seu equipo descubrir en ratos un mecanismo no cerebro que podería axudar a curar a esteatohepatite. Neste traballo previo, o equipo compostelán revelou como o bloqueo dalgunhas substancias opioides en zonas específicas do cerebro evita que os ratos desenvolvan a enfermidade.

O reto principal do grupo de Metabolismo Molecular que Ruben Nogueiras coordina está dirixido a descifrar as complexas e múltiples vías moleculares que causan a obesidade e a diabete tipo 2 e que ten acadado constantes achados e recoñecementos nos últimos anos. Xustamente o European Research Council (ERC) outorgoulle en 2011 unha axuda Starting Grant para estudar a función do xene p53 na regulación do apetito, do peso corporal e os niveis de glicosa en sangue.

The contents of this page were updated on 05.08.2017.