O CulturaLab de Primavera do Campus Terra converterá Lugo os días 20 e 21 de maio na capital da vangarda da cultura contemporánea
As culturas híbridas, os novos espazos de experimentación e creación, a diversidade cultural e o dereito á cultura centrarán neste mes de maio a temática das distintas sesións programadas no marco do CulturaLab de Primavera da USC, un programa que se desenvolverá os días 20 e 21 de maio na Casa do Saber de Lugo baixo o título ‘Olladas arredor da cultura contemporánea’ e que nesta edición mestura o tradicional formato dos seminarios de análise e debate xurdidos na década de 1960 no Instituto Masculino (IES Lucus Augusti) de Lugo, cos foros abertos do CulturaLab do Campus Terra.
Estruturado en diversos bloques ou áreas temáticas, o CulturaLab de Primavera da USC converterá Lugo na capital da vangarda da cultura contemporánea, a transformar a cidade nun espazo aberto, de encontro e reflexión arredor da cultura, das súas diversas manifestacións, novos espazos e da súa concepción como dereito. A primeira sesión deste foro experimental achegará ao público asistentes as culturas híbridas a través dos testemuños e relatos de Nadia Teixeira, Verónica Verdejo e Daniel Díez, compoñentes dun colectivo investigador da Fundación Cerezales Antonino e Cinia, que guiarán unha conversa titulada ‘Cara a unha cultura situada’.
O colectivo Espazo Matroska guiará un foro sobre posibilidades artísticas e comunidades rurais. Unha intervención da compañía DanzaUSCLugo, que interpretará a peza ‘Pulsos’, seguida dun coloquio con Sonia Bello, da Asociación Itínera, sobre saúde mental e cultura, e unha performance no parque Rosalía de Castro, a cargo do grupo de teatro Down Soños, pechará a sesión matinal do CulturaLab de Primavera da USC.
A programación deste foro experimental arredor da cultura contemporánea seguirá o 20 de maio en quenda de tarde cunha conversa sobre diversidade e cultura, na que a xerente da Rede de Museos de Lugo, Encarna Lago, tratará cuestións relacionadas cos museos sociais e sociocráticos. A xornada inclúe tamén a presentación do proxecto piloto ‘Downseño: deseño gráfico con outra mirada’, unha iniciativa desenvolvida por Tatata e Down Lugo.
O profesor do Departamento de Historia da Arte da USC Miguel Anxo Rodríguez achegará ao público presente á experimentación de novos espazos culturais cunha intervención na que viaxará desde os museos ata outros espazos acaídos para a arte. Nesta mesma liña, integrantes do colectivo cultural de arquitectos Benidorm Ergosfera afondarán na metáfora cultural que supón esta cidade alacantina pola efervescencia das múltiples e diversas manifestacións que acollen as súas rúas e prazas.
Un obradoiro participativo sobre a concepción da cultura como un dereito que todas as persoas poden reivindicar, ao tempo que teñen o deber de exercer, servirá de epílogo deste CulturaLab de Primavera. Esta sesión estará guiada polo comisario de museos e investigador Fran Quiroga. Ao seu remate, a María Roja e Santi Romay protagonizarán a performance ‘Agallope Performers’ no treito da muralla comprendido entre as portas de Santiago e Bispo Odoario.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Mª do Carme Silva Domínguez, presentou este mércores a programación deste CulturaLab de Primavera, unha actividade organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no marco dun acto no que tamén participaron a deputada delegada da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o comisario e investigador Fran Quiroga, e Marcos Cruz Moreno, de Down Lugo.