Buscan comprender como as sociedades humanas interaccionaron coas enfermidades ao longo do tempo

A Paleopatoloxía é o campo de estudo que se pregunta sobre a enfermidade no pasado e é precisamente o marco no que se encadra o traballo de Edgard Camarós, investigador Ramón y Cajal do Departamento de Historia da USC e do CISPAC, que lidera un proxecto de investigación sobre a evolución humana e as enfermidades durante a Prehistoria no Lago Turkana (Kenia, África).
O proxecto Fronteiras da enfermidade no pasado: avances metodolóxicos e desenvolvidos experimentais para a comprensión das patoloxías, a saúde e os coidados en evolución humana- Paleopath (PID2023-149059NA-I00) busca comprender a maneira na que as sociedades humanas “interaccionamos con distintas enfermidades ao longo da nosa evolución, e como, a través do seu estudo osteoarqueolóxico, podemos inferir aspectos relacionados cos coidados e a saúde”, explica Camarós.
Para iso, o equipo estudou fósiles humanos provenientes das escavacións que lidera desde hai máis de 15 anos a profesora Marta Mirazón da Universidade de Cambridge (Reino Unido) dentro dun proxecto ERC AdG (Njipalajem) na rexión de Turkana, unha área xeográfica clave para a comprensión da evolución humana.
Nesta ocasión, e en colaboración coa investigadora da Universidade de Alacante Paz de Miguel e o investigador da Universidade do País Vasco Francisco Etxeberria, Edgar Camarós desenvolveu os seus estudos no Turkana Basin Institute (TBI), un centro de referencia internacional fundado polo paleoantropólogo Richard Leakey.
Os resultados, aínda en proceso, axudarán a comprender como os grupos prehistóricos sufriron enfermidades que requiriron coidados no marco de organizacións sociais cooperativas.
