Skip to main content

Un vídeo divulgativo sobre o número Pi gaña a décimo terceira edición do certame ‘Explícoche matemáticas 2.0’

O certame pretende promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas
O certame pretende promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas
Antía Fernández Paulos, do IES Castro Alobre, faise co primeiro premio deste concurso para promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas

A alumna Antía Fernández Paulos, do IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), foi a gañadora da XIII edición do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 que busca promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais. Titorizada por Beatriz Alfonsín Galiñanes, Antía fíxose co primeiro premio, dotado con 350 euros, co vídeo ‘Xogando a aproximar Pi’.

O segundo premio, de 250 euros, correspondeulle ao traballo conxunto ‘A tartaruga de Fleury’ dos alumnos Adrián Arnoso Bermúdez, Manuel Díaz Sánchez e Saúl López Souto, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, que titorizaron Beatriz Máquez Villamarín e Pilar López García.

O número de vídeos presentados a esta edición do concurso impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC foi de 18 nunha única categoría, 2º Ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional. Para a deliberación, nunha primeira fase membros da Comisión organizadora avaliaron tanto os aspectos matemáticos como a calidade lingüística e técnica dos traballos. Aqueles que superaron uns mínimos foron remitidos ao Servizo de Normalización Lingüística para a súa valoración lingüística e de calidade de imaxe e son. Finalmente, o xurado procedeu á súa visualización, tanto de xeito individual como na sesión de deliberación no caso daqueles vídeos mellor valorados.

O xurado

Presidido polo decano da Facultade de Matemáticas, Alberto Cabada Fernández, o xurado estivo composto tamén por Miguel Domínguez Vázquez, Samuel Alvite Pazos, María Isabel Borrajo García, Carla Dopazo Pavón, Carla Montoiro Suárez, Óscar Rivero Salgado, Jorge Rodríguez López, María del Pilar Salgado Rodríguez, María Vidal García, Manuel Bermúdez Blanco, a profesora de ensino medio María Paz Bermúdez e a gañadora de edicións anteriores, Julia Rama González.
 

The contents of this page were updated on 06.30.2025.