Skip to main content

O Espazo de Cine da USC amplía ata o 17 de outubro a inscrición no módulo sobre escrita de guión impartido por Pepe Coira

As sesións formativas do curso desenvolveranse os venres desde o 20 de outubro ao 15 de decembro en quenda de tarde na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo

O Espazo de Cine da USC, unha iniciativa posta en marcha pola Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, a través da a Área de Cultura do Campus Terra para formar, crear e producir no ámbito do audiovisual, mantén aberto ata o vindeiro martes 17 de outubro o prazo de inscrición no primeiro dos módulos formativos programados este curso na sede universitaria luguesa e que se desenvolve baixo o título ‘O traballo de escribir un guión’. Este módulo formativo reserva un 30% das prazas a persoas alleas á comunidade universitaria.

O produtor cinematográfico e guionista lugués Pepe Coira será o encargado de impartir o módulo ‘ O traballo de escribir un guión’, un curso que se desenvolverá en quenda de tarde os venres comprendidos entre o 20 de outubro e o 15 de decembro na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Este módulo, estruturado en 25 horas, pretende dar resposta a tres cuestións básicas como o son para que serve un guión?, de que está feito? e como é o traballo dun guionista?. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición neste curso ata o 17 de outubro.

As persoas interesadas en participar na programación formativa do Espazo de Cine da USC poden formalizar xa a súa inscrición nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo ou a través do enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 513.

The contents of this page were updated on 10.10.2017.