Skip to main content

O catedrático Julián Álvarez Escudero, novo decano de Medicina e Odontoloxía

Julián Álvarez Escudero, na entrada principal da Facultade de Medicina e Odontoloxía
Julián Álvarez Escudero, na entrada principal da Facultade de Medicina e Odontoloxía

O catedrático de Anestesioloxía e Reanimación Julián Álvarez Escudero acaba de ser elixido novo decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía logo da votación celebrada nunha xunta extraordinaria de Facultade este mércores 11, cun resultado de 112 votos a favor e 23 en branco. Completan a candidatura, única que concorreu ao proceso, os profesores José Martín Carreira Villamor como vicedecano de Docencia Clínica e Jacobo Limeres Posse como vicedecano de Odontoloxía, e as profesoras Ángela J. Torres Iglesias en calidade de vicedecana de Intercambios, Calidade e Innovación Docente e María Teresa Castaño Oreja como secretaria do centro.

Entre o que serán as súas liñas de traballo para os vindeiros anos, Julián Álvarez Escudero avoga polo fortalecemento e renovación do cadro docente mediante a negociación dun plan entre a USC e o Sergas encamiñado á convocatoria de prazas de profesorado acreditado e a vinculación do numerario que así o desexe. O programa do novo equipo inclúe tamén a necesidade dun plan galego que contemple as necesidades reais de profesionais da medicina e a odontoloxía que terá Galicia nos vindeiros anos. Na súa opinión “este plan excede as competencias da USC e da propia Facultade e debería ser consensuado co Goberno da Xunta de Galicia para que teña unha dotación económica suficiente”.

No ámbito específico da docencia das dúas titulacións de grao impartidas do centro, o novo decano considera que “a mellora da simulación como ferramenta esencial na aprendizaxe de competencias básicas e clínicas non pode esperar pola facultade nova”. Engade que “debe acometerse xa nesta fase coa adquisición de novos simuladores e cun uso eficiente dos recursos e espazos dispoñibles”.

Tamén dentro do programa, Julián Álvarez apunta o mantemento e potenciación da colaboración da Facultade de Medicina e Odontoloxía cos centros sanitarios do Sergas na docencia da práctica clínica, por considerala “fundamental para a formación dos futuros médicos e médicas”.

Álvarez Escudero
Ata a actualidade director do Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas, o catedrático Julián Álvarez Escudero é xefe do Servizo de Anestesioloxía, Reanimación e Tratamento da Dor do Complexo Hospistalario Universitario de Santiago, ademais de presidente da Sociedade Española de Anestesioloxía, Reanimación e Terapéutica da Dor así como da Comisión Nacional da Especialidade.

The contents of this page were updated on 10.11.2017.