Skip to main content

Ana Cabana tratará a idea de comunidade no mundo labrego no marco do seminario ‘Comúns e cultura’ do MARCO de Vigo

Cartaz do seminario 'Comúns e Cultura'
Cartaz do seminario 'Comúns e Cultura'
A profesora de Historia Contemporánea da USC na EPS de Enxeñaría de Lugo participará como relatora o sábado no foro organizado en Vigo polo Proxecto Derriba

A profesora da área de Historia Contemporánea da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo participará o vindeiro sábado 7 de outubro no seminario ‘Comúns e Cultura’ < /a>, un espazo de debate que se desenvolverá no Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo a iniciativa do Proxecto Derriba e a través do que se procura contribuír a pensar os comúns por vir, en tanto que estes permiten redefinir conceptos como “comunidade” e a “cidadanía”, así como a propia noción de “cultura” e as prácticas que a ela se asocian.

O seminario ‘Comúns e Cultura’ está organizado polo colectivo de pensamento contemporáneo agromado no Proxecto Derriba e encádrase dentro do #salóndoMARCO, un proxecto dirixido polo investigador Fran Quiroga e que pretende establecer unha nova infraestrutura no museo que facilite a mediación coa cidadanía e o propio espazo expositivo.

A profesora e integrante do grupo de investigación Histagra da USC Ana Cabana Iglesia, doutora en Historia pola USC con Premio Extraordinario, coa tese ‘Entre a resistencia e a adaptación. A sociedade rural galega no franquismo (1936-1960)’, intervirá neste foro coa palestra ‘Non tan febles: comunidades, comúns e conflitos’ , un relatorio no que tratará sobre a idea e o concepto de comunidade, especialmente naqueles casos máis relacionados co mundo labrego.

Xunto a Ana Cabana, no marco deste seminario intervirán o filósofo Amador Fernández Savater, cunha palestra sobre o común en condicións de complexidade; o director do Festival Arte e Comunidade de Porto, Hugo Cruz, quen abordará os conceptos de comunidade e prácticas artísticas. A sesión matinal deste foro rematará cun diálogo entre Jorge Linheira e Uxío Novoneyra sobre as institucións e as relacións cos comúns.

Logo da intervención de Cabana Iglesia, o programa de tarde inclúe un relatorio no que Montenoso analizará as aprendizaxes adquiridas no estudo da xestión comunal dos montes veciñais galegos. O seminario ‘Comúns e cultura’ rematará cun obradoiro, facilitado por Andrea Rico, membro da cooperativa Rexenerando, coa que se procurarán aterrar os conceptos teóricos a través de dinámicas nas que pensar en común como poden darse institucións que atendan aos bens comúns.

O seminario ‘Comúns e Cultura’ constitúe un foro aberto de debate, aberto a todo o público interesado e de carácter gratuíto, que pretende converterse nun espazo de referencia no debate arredor dos comúns, coa participación de persoas relacionadas coa academia, os activismos e os propios facedores dos comúns.

The contents of this page were updated on 10.03.2017.