Skip to main content

Ciencias da Educación acolle o Simposio Internacional de Educación Musical e Materiais Didácticos

Ciencias da Educación acolle o Simposio Internacional de Educación Musical e Materiais Didácticos
Ciencias da Educación acolle o Simposio Internacional de Educación Musical e Materiais Didácticos
Celebrarase os días 24 e 25 na sede da Facultade en Campus Vida

O Simposio Internacional de Educación Musical e Materiais Didácticos celebrarase este xoves 24 e o venres 25 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) organizado conxuntamente pola International Association for Research on Textbook and Educational Media (IARTEM), o grupo Stellae-USC e coa colaboración da SEM-EE (Sociedade para a Educación Musical do Estado Español).

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, presidirá a sesión inaugural que terá lugar este xoves 24 no salón de actos do centro a partir das 9.15 horas. Nesta sesión inaugural tamén participarán o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López; o presidente de IARTEM, o profesor da USC Jesús Rodríguez Rodríguez; a directora do grupo Stellae, Adriana Gewerc Barujel; a secretaria da SEM-EE, Silvana Longueira Matos; e a coordinadora do simposio, Rosa María Vicente Álvarez.

Este simposio xorde da necesidade de dar visibilidade ás investigacións educativas acerca dos materiais musicais, dende o grupo de música de IARTEM e o grupo de Investigación Stellae, coa finalidade de ofrecer un espazo común para o debate a todo o profesorado e persoal investigador interesado na temática. As persoas participantes, procedentes de diversos países, poderán formar parte do núcleo dunha rede futura que posibilitará levar a cabo análises comparadas entre países, destacando as diferencias e semellanzas, entre outras accións.

Neste senso, o encontro pretende constituírse nun marco de transferencia educativa adecuado para promover o coñecemento e establecer novas implicacións e/ou colaboracións entre grupos e persoas de diferentes etapas educativas e realidades socio-culturais musicais. A finalidade é establecer sinerxías e contribuír a enriquecer o traballo de diferentes investigacións e experiencias no ensino de réxime xeral e especial nos diversos ámbitos da educación musical.

Programa
Logo do acto de inauguración, a partir das 10.00 horas comeza unha mesa redonda dedicada ao materiais didácticos na educación musical, para a súa análise en perspectiva internacional, á que seguirá unha sesión para a presentación de comunicacións. Xa pola tarde, dende as 16.00 horas, Susan Young (Universidade de Exeter) reflexionará sobre o futuro da tecnoloxía na educación musical. A partir das 18.00 celebraranse dous obradoiros: o primeiro co lema ‘O movigrama. Movemento e danza a través da Educación musical’ e un segundo sobre ‘Unha viaxe musical polo mediterráneo. Sons, historias e metodoloxías para a ensinanza e a aprendizaxe da música infantil’. Esta primeira sesión rematará coa celebración do concerto infantil Cantos en Tubos.

The contents of this page were updated on 01.23.2019.