A execución do futuro edificio de Farmacia recaeu en OHL

A execución do futuro edificio que albergará a Facultade de Farmacia acaba de ser adxudicado a OHL, Obrascon Huarte Laín SA (OHL), logo da revisión das propostas recibidas para a convocatoria iniciada o pasado mes de febreiro, nunha xuntanza este venres da mesa de contratación. A proposta mellor valorada presentou un orzamento por valor de 23,43 millóns de euros, IVE incluído.
Esta primeira fase do Centro de Ciencias da Saúde contempla a construción dun centro que acubillará biblioteca e sala de estudo con 410 prazas, 21 aulas para docencia teórica, 17 laboratorios de prácticas, aulas de informática, zona de cultivos e sala de conxeladores ademais dunha zona de convivencia para o estudantado e espazos administrativos e de goberno. O proxecto presenta un deseño innovador tanto na arquitectura como en materia de instalacións, cunha funcionalidade dos espazos pensada tanto para as necesidades de docencia da Facultade como para seren adaptados a posibles necesidades futuras.