Skip to main content

A Orquestra e o Coro da USC presentan un roteiro musical por tres espazos da cidade nas festas do Apóstolo

Imaxe de arquivo dun concerto do Coro e a Orquestra da USC. Foto: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun concerto do Coro e a Orquestra da USC. Foto: Santi Alvite
No ciclo ‘Xeiras. Tres camiños de auga e terra’
Santiago de Compostela

Os días 25, 26 e 27 de xullo, a cidade de Santiago de Compostela acollerá por primeira vez tres concertos conxuntos da Orquestra e Coro da Universidade, no marco do Encontro de Verán 2025. O ciclo leva por título ‘Xeiras. Tres camiños de auga e terra’ e propón un itinerario musical por lugares emblemáticos da cidade: a Igrexa da USC, a Casa das Máquinas e a Igrexa da Nosa Señora da Mercede de Conxo.

Trátase dunha proposta artística inédita que procura levar a música á cidadanía desde diferentes barrios, permitindo que cada zona da cidade poida achegarse tanto ao repertorio como ao proxecto que representa a Orquestra e Coro da USC. Ademais, o ciclo coincide coas datas centrais das festas do Apóstolo, ofrecendo unha alternativa cultural de calidade, aberta e de balde para todos os públicos. Na iniciativa colaboran o Concello de Santiago de Compostela e a Parroquia da Nosa Señora da Merced de Conxo.

Unha viaxe entre auga e terra: programa e concepto artístico

O título ‘Xeiras’ fai referencia a tres xornadas consecutivas de actividade musical, entendidas como un camiño artístico e simbólico. A través da metáfora dos camiños de auga e terra, o programa conxuga dúas dimensións. Por unha banda, o Coro presenta obras que evocan a auga en diferentes formas: o murmuro dun arroio, a sensualidade do mar mediterráneo, os ritmos da tradición afroamericana ou a espiritualidade fluvial dos textos poéticos. A ‘auga’ convértese así en símbolo de conexión, fluidez e emoción compartida.

Pola súa banda, a Orquestra de Corda propón un percorrido por territorios musicais diversos: desde as danzas populares rumanas de Bartók ata a melancolía finlandesa de Sibelius, pasando polo lirismo de Granados, os sons do tango arxentino ou a tradición oral africana. A ‘terra’ vese así como espazo de identidade, diversidade e memoria colectiva.

Este programa é unha mostra máis da aposta da Universidade de Santiago de Compostela pola cultura como motor educativo, social e identitario. ‘Xeiras’ busca ser non só un ciclo de concertos, senón tamén un espello da diversidade sonora que habita Compostela e un convite a redescubrir a cidade a través da música.
 

The contents of this page were updated on 07.21.2025.