Skip to main content

A USC recoñece a traxectoria profesional dunha xeración “que testemuñou o período de maior transformación da Universidade nos últimos anos”

O reitor presidiu a recepción o persoal que se xubilou este curso. Foto: Santi Alvite
O reitor presidiu a recepción o persoal que se xubilou este curso. Foto: Santi Alvite
O reitor presidiu a recepción o persoal que se xubilou este curso

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, recibiu este mércores no Salón Nobre do Colexio de Fonseca unha ampla representación dos 107 membros do profesorado e do persoal técnico de xestión e administración de servizos que se xubilaron neste curso que agora remata.

Quixo así o reitor recoñecer a traxectoria profesional dunha xeración “que testemuñou o período de maior transformación da Universidade nos últimos anos”, unha etapa que cualificou como “apaixonante e magnífica”. Trasladoulles así o recoñecemento de toda a institución, “que é o que é grazas ás persoas que a integran”.

En representación do profesorado do Campus de Santiago interveu a profesora Isabel Rodríguez-Moldes Rey, para quen é “reconfortante ver que a institución recoñece o teu traballo” e confesou sentir neste momento “dúas sensacións: a de gratitude por todo o recibido e a de orgullo por formar parte da USC”. Tamén de gratitude á institución foron as palabras do profesor en Lugo José Vázquez Tato, explicando os inicios dese campus –“dende o Colexio Universitario onde comecei”- nun percorrido que o levou ao momento actual.

“Se estamos aquí é porque formamos parte da historia desta institución”. Así comezaba a súa intervención no acto a PTXAS Gracia M. Frutos Martínez, quen afirmou que a Universidade non é só un centro docente e investigador senón tamén “un fogar acolledor e cálido onde todos e todas puidemos achegar o noso gran de area”.

Acompañaron o reitor e as persoas xubiladas o vicerreitor de Profesorado, Ernesto Xosé González Seoane, o xerente, Javier Ferreira, e moitas outras autoridades académicas así como compañeiras e compañeiros do persoal universitario.
 

The contents of this page were updated on 07.23.2025.