Medicina homenaxea a PAS e docentes no día do seu patrón

A celebración do patrón da Facultade de Medicina xirou este ano en torno á ensinanza da anatomía. Así, presidido polo reitor Juan Viaño, no acto o profesor Javier Jorge Barreiro, catedrático emérito de Anatomía da USC, pronunciou a lección maxistral ‘Ensinanza da Anatomía na Facultade de Medicina de Santiago’. Xunto co reitor interviñeron ademais a xerente do Hospital Clínico, Eloina Núñez, e o decano en funcións do centro, José Martín Carreira Villamor.
Previamente, no vestíbulo do centro descubriuse unha placa de agradecemento ás persoas que no período 2013-2017 doaron as súas bibliotecas e que foron José Ramón Alonso Fernández, Fermín Bescansa Martínez, Enrique Devesa Turia, Honorato Fernández Feijoo, Ángel Jorge Echeverri, Vicente Merino Garrido, Pedro María Rey Suárez, Manuel Rodríguez García, Ramón Rodríguez Serantes, Ángel Sesar Ignacio e José Troncoso Rozas.
Ademais, os docentes e PAS xubilados durante o pasado curso recibiron cadansúa placa honorífica en agradecemento aos servizos prestados. Por parte do persoal de administración e servizos recollérona Xosé Antón Regos Varela e Carmen Buján Fernández, mentres que do profesorado foron Ángel José Alvarez Prechous, Francisco Barreiro Morandeira, Andrés Beiras Iglesias, José Antonio Castillo Sánchez, Manuel Castro Gago, Juan Jesús Gestal Otero, José Domingo González Bahillo, Enrique José Jimenez Gómez, Francisco Javier Jorge Barreiro, José María Martinón Sánchez e María Luz Nogueira Carballedo.
O programa rematou co descubrimento dos retratos dos tres decanos que se xubilaron este curso, Javier Jorge Barreiro, Andrés Beiras Iglesias e Juan Jesús Gestal Otero, e a inauguración da exposición ‘Evolución da imaxe na ensinanza da Anatomía desde o século XVI ata a actualidade’, organizada polo director da Biblioteca da Facultade, José Rodríguez Dopazo, e presentada pola directora da Biblioteca da USC, María Isabel Casal Reyes.
No vestíbulo do centro descubriuse unha placa de agradecemento ás persoas que doaron as súas bibliotecas o último curso (Foto: SERVIMAV) Foto de grupo de autoridades cos docentes e PAS xubilados, que recolleron a súa placa honorífica (Foto: SERVIMAV)