Skip to main content

Filoloxía reúne especialistas en medievalismo e humanidades dixitais

O encontro celébrase ata o mércores na Facultade de Filoloxía, onde a súa decana (segunda pola esquerda) presidiu a sesión inaugural. Foto: Servimav-USC
O encontro celébrase ata o mércores na Facultade de Filoloxía, onde a súa decana (segunda pola esquerda) presidiu a sesión inaugural. Foto: Servimav-USC
Entre o luns 9 e o mércores 11 acolle o congreso internacional da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares co lema ‘Humanidades Dixitais: olladas cara á Idade Media

A Facultade de Filoloxía acolle ata o mércores 11 o congreso internacional ‘Humanidades Dixitais: olladas cara á Idade Media’ que organiza a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares como lugar para a reflexión, diálogo e debate entre persoal investigador especializado ou interesado no medievalismo e as Humanidades Dixitais. O evento foi concibido como un espazo aberto a propostas de carácter transversal e multidisciplinar, tanto para consideracións de tipo metodolóxico (elaboración de corpora e bases de datos) e de aplicacións prácticas das ferramentas (análises xeoespaciais), como para reflexións sobre o impacto e os cambios que a revolución dixital está a supoñer nos estudos humanísticos.

A decana do centro, María José López Couso, presidiu a sesión inaugural no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía nun acto que tamén contou coa presenza de representantes dos departamentos e facultades aos que están vinculadas as persoas responsables da organización e da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.

O encontro estenderase ata o mércores 11 e contará con varias conferencias plenarias a cargo de figuras destacadas nestas disciplinas e que proceden de distintas institucións europeas: Universidade Complutense de Madrid (José Manuel Lucía Megías), Universidade de Salamanca (Mª Nieves Sánchez González de Herrero e Leyre Martín Aizpuru), Centre Tecnològic de Catalunya (Ana Requejo), Agència Catalana del Patrimoni Cultural de la Generalitat de Catalunya (Albert Sierra), Laboratorio de Innovación en Humanidades Digitales (LINHD-UNED) e Politécnico do Porto (Mariana Curado Malta) e da Austrian Academy of Sciences (Mihailo Popovic).

Acompañando as conferencias, estruturadas arredor da Historia, a Filoloxía e a Historia da Arte, preto de trinta participantes tanto da esfera nacional como da internacional presentarán as súas investigacións en máis de vinte comunicacións, artelladas en nove sesións de distinta temática: a edición dixital, as exploracións do espazo, a arte e a iconografía ou os recursos dixitais son algúns dos eixos centrais. Ademais disto, resérvase un espazo de interacción directa no que se presentarán seis proxectos distintos nos que se poñen en práctica distintas ferramentas das Humanidades Dixitais. As persoas interesadas poden acadar máis información na web http://www.usc.es/estmedin/hd/.

The contents of this page were updated on 10.09.2017.