Skip to main content

Medicina celebra o luns o patrón da facultade

A Facultade de Medicina celebra este luns 16 o seu patrón, un acto centrado nesta ocasión na ensinanza da anatomía. O programa, que presidirá o reitor Juan Viaño, dará comezo ás 12.00 horas no vestíbulo do centro co descubrimento dunha placa de agradecemento ás persoas que no período 2013-2017 lle doaron as súas bibliotecas.

A continuación, ás 12.30 horas, dará comezo o acto académico no que o profesor Javier Jorge Barreiro, catedrático emérito de Anatomía da USC, pronunciará a lección maxistral ‘ Ensinanza da Anatomía na Facultade de Medicina de Santiago’.

Nese mesmo acto entregaranse as placas honoríficas da Facultade aos docentes e PAS xubilados durante o pasado curso. Intervirán ademais a xerente do Hospital Clínico, Eloina Núñez, e o decano en funcións do centro, José Martín Carreira Villamor.

O programa continuará na sala de graos co descubrimento, ás 14.00 horas, dos retratos dos tres decanos que se xubilaron este curso, os profesores Javier Jorge Barreiro, Andrés Beiras Iglesias e Juan Jesús Gestal Otero. De seguido, no Claustro Baixo da Facultade o reitor inaugurará a exposición ‘Evolución da imaxe na ensinanza da Anatomía desde o século XVI ata a actualidade’, organizada polo director da Biblioteca da Facultade, José Rodríguez Dopazo, e presentada pola directora da Biblioteca da USC, María Isabel Casal Reyes.

The contents of this page were updated on 10.13.2017.