Guille LP, Leda Atómica e Noemia son os finalistas do I Certame de Musica Galega da USC
‘Dúas andoriñas’ de Guille LP, ‘No monte da pastora’ de Leda Atómica e ‘Só nós’ de Noemia son as propostas elixidas como finalistas do I Certame de Música Galega da USC e que, o próximo 30 de outubro, serán tamén os protagonistas do I Festival de Música da USC. Esta gala celebraras no Teatro Principal de Santiago nunha gala presentada pola xornalista Xiana Arias na que actuará o grupo Ataque Escampe.
O certame premia cancións compostas por formacións ou solistas de todos os xéneros musicais e estaba dirixido a alumnado da USC con inquedanzas musicais e literarias. Os gañadores, a determinar no concerto do próximo 30 de outubro, recibirán cadanseu diploma e premios de 1.000 (1º premio), 700 (2º) e 300 euros (3º premio). Ao certame concorreron un total de 19 propostas dos que o xurado destacou o elevado valor musical así como das letras.
Organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía en colaboración con Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Enfermaría, Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais e o apoio do Servizo de Normalización Lingüística, esta acción artística e formativa articúlase en tres fases: un concurso, un festival e un obradoiro.
Festival
Ademais do propio certame e do festival, a iniciativa complétase cun obradoiro de Música Galega no que Ataque Escampe asumirá a función de mentor, transmitindo a súa experiencia como músicos, letristas e compositores e orientando os integrantes das formacións nos inicios da súa carreira musical.
Aínda que o traballo de titorización se dirixirá de modo preferente aos premiados, está prevista a apertura desta xuntanza de traballo a todos os participantes no certame e ao estudantado da USC con inquedanzas musicais. O encontro terá lugar a comezos do mes de novembro en Ciencias da Comunicación, que conta con instalacións que permiten a gravación e reprodución musical.
No acto de presentación dos finalistas interviñeron a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala; a presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, María do Cebreiro Rábade; e o produtor musical, Julio Vilariño Cabezas. Esta é unha iniciativa que conta coa colaboración de Gadis, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Concello de Santiago.