Skip to main content

Unha investigación avalía o potencial de 57 receptores sintéticos de carbohidratos cos que facer fronte ás pandemias virais

Imaxe de arquivo da vacinación durante a pandemia por mor da COVID-19. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo da vacinación durante a pandemia por mor da COVID-19. FOTO: Santi Alvite
O profesor da USC José Manuel Miranda López participa neste estudo internacional que obtivo resultados prometedores, moi especialmente no caso do SARS-CoV-2
Lugo

As pandemias virais constitúen un perigo para a saúde mundial. A pesar dos avances médicos, a ausencia de antivirais de amplo espectro impide unha resposta rápida ante este tipo de ameazas. Isto débese, en gran medida, á alta variabilidade entre as proteínas virais. Neste contexto, un estudo internacional no que participa o profesor da USC na Facultade de Veterinaria, José Manuel Miranda López, acaba de avaliar con resultados prometedores o potencial de 57 receptores sintéticos de carbohidratos.

Estes receptores son moléculas creadas para recoñecer e unirse a carbohidratos específicos, neste caso, a glicoproteínas presentes na membrana dos virus con cápsula. Aínda que os axentes de unión de carbohidratos mostraron un actividade antiviral de amplo espectro fronte a varios dos virus ensaiados, os resultados mostraron que a súa eficacia é moito maior fronte ao SARS-CoV-2, o virus que provoca a COVID-19.

“Sintetizamos un total de 57 axentes de unión de carbohidratos e probamos a súa actividade in vitro, seleccionado os dous que mellor resultado mostraron (SCR005 and SCR007), para realizar despois un ensaio in vivo”, explica o investigador do Campus de Lugo. Deste xeito investigouse a capacidade destes axentes para dificultar ou neutralizar a infección por virus de enorme relevancia na actualidade, como son os do SARS-CoV-2, MERS, Évola, Nipah, Hendra ou Magburgo.

Nova alternativa

O mecanismo de actuación dos devanditos carbohidratos, que non demostraron toxicidade para o hóspede, realizouse mediante a súa unión aos N-glicanos da envoltura viral, bloqueando a unión e/ou fusión viral. “Este achado destaca os N-glicanos como obxectivos prometedores para o desenvolvemento de antivirais, ofrecendo unha alternativa aos receptores proteicos, que son os máis habitualmente utilizados como obxectivos dos axentes antivirais”, explica o profesor da USC.

O artigo foi realizado durante unha estadía de investigación de José Manuel Miranda López na Universidade de Cornell, baixo a dirección de Héctor Aguilar, presidente ata o ano pasado da American Society for Virology, aínda que participou persoal investigador de diversas universidades e institutos de investigación estadounidenses. 
 

The contents of this page were updated on 08.28.2025.