A profesora Alicia López Pardo impartiu un seminario en Pedagoxía sobre a pedagoxía Freinet

‘A pedagoxía Freinet ao servizo dunha escola innovadora: materiais e experiencias’ foi o título da conferencia-seminario impartida pola docente Alicia López Pardo no marco da materia de Deseño e avaliación de materiais didácticos de cuarto curso do grao en Pedagoxía.
Alicia López impartiu docencia en diferentes niveis do ensino, comezando a súa traxectoria profesional en Cervantes (Os Ancares, Lugo) para logo traballar en colexios de Galicia, Canarias e Valencia, sempre moi vinculada á escola rural, á pedagoxía Freinet e outros movementos de renovación pedagóxica como Nova Escola Galega. Todas as súas prácticas están baseadas na pedagoxía ‘ freinetiana’ que definiu na conferencia impartida como un movemento comprometido que defende e respecta a diversidade cultural, o compromiso coa realidade e a igualdade dos dereitos e dos cidadáns.