Skip to main content

O Museo de Historia Natural convida este sábado a unha visita no seu terceiro aniversario

O Museo de Historia Natural convida este sábado a unha visita no seu terceiro aniversario
O Museo de Historia Natural convida este sábado a unha visita no seu terceiro aniversario

Con motivo do terceiro aniversario da apertura do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, este sábado 21 terá lugar unha visita guiada de acceso libre e gratuíto para o público xeral. Para participar non é preciso máis que estar puntuais na recepción do Museo ás 11.00 horas.

Nos 3 anos que leva aberto o Museo que dirixe Marcos González visitárono 60.000 persoas. A metade delas fixérono con visitas guiadas, a gran maioría centros de ensino en todos os niveis, especialmente primaria e secundaria. Ademais, aos obradoiros, tanto infantís como de adultos ou familiares que organizan constantemente, asistiron neste período preto de 1.000 persoas. A entrada ao museo, que abre de martes a domingo, oscila entre 1 e 3 euros, con prezos especiais para familias. O primeiro mércores de cada mes a entrada é gratuíta.

O museo e as súas xoias
Os principais espazos do museo agrúpanse arredor da Biodiversidade e Biodiversidade Terrestre, na planta baixa, e dos apartados dedicados a Xeodiversidade e Solo e Biodiversidade Mariña na primeira. Así, dende un espazo multimedia dedicado á comprensión da biodiversidade, a exposición permanente do MHN é un singular percorrido pola fauna e flora das augas continentais e dos bosques galegos ou pola xeodiversidade cunha detallada colección de minerais, pedras preciosas e semipreciosas, rochas, fósiles ou meteoritos. Tamén ten o seu espazo a biodiversidade mariña, as algas, os invertebrados, os peixes ou o litoral galego e outros ecosistemas máis lonxanos como a selva sudamericana ou a sabana africana.

O museo alberga pezas singulares de gran valor para o estudo e a divulgación da biodiversidade e o medio ambiente, concretamente no relativo ao solo, a cristalización dos minerais ou á malacoloxía. Así, por vez primeira en España exponse unha sala dedicada ao solo, cunha reprodución a escala dun fragmento de chan cortado en sección de xeito que se poden apreciar distintos elementos que inciden na súa conformación ou a súa relación coa fauna e a flora.

Uns metros antes, tamén na primeira planta, exponse unha colección única en España polo seu grao de detalle e unha das mellores do mundo de modelos de madeira coas formas xeométricas de cristalización das distintas especies minerais. É unha colección elaborada no século XIX baixo a dirección de René-Just Haüy, recoñecido como o fundador da Cristalografía.

Xunto estas dúas valiosas propostas, o Museo de Historia Natural é depositario da mellor colección de Europa e unhas das primeiras de todo o mundo no seu ámbito temático, a Colección Malacolóxica Emilio Rolán, cun volume próximo ao millón de pezas. Emilio Rolán está recoñecido como o investigador que máis especies mariñas ten descuberto e descrito, máis de 900.

The contents of this page were updated on 10.20.2017.