Skip to main content

As escavacións arqueolóxicas na aldea mindoniense de Combarro confirman a actividade metalúrxica na vida cotiá da época sueva

Os estudos preliminares da última campaña de escavación na aldea de Combarro, sacan á luz novos datos sobre a vida no noroeste durante a época sueva (séculos V-VI)
Os estudos preliminares da última campaña de escavación na aldea de Combarro, sacan á luz novos datos sobre a vida no noroeste durante a época sueva (séculos V-VI)
Os achados obtidos inciden na existencia dunha clara produción doméstica, asociada tanto aos coidados e á cociña como á fabricación de obxectos metálicos
Lugo, Santiago de Compostela

As escavacións arqueolóxicas en San Vicente de Trigás (Mondoñedo) revelan unha actividade metalúrxica vinculada á vida cotiá das comunidades rurais dos séculos V-VI. Os estudos preliminares da última campaña de escavación na aldea de Combarro, sacan á luz novos datos sobre a vida no noroeste durante a época sueva. Os traballos desenvolvidos por un equipo da USC en colaboración con Tempos Arqueólogos, inciden na existencia dunha clara produción doméstica, asociada tanto aos coidados e á cociña como á fabricación de obxectos metálicos. Ademais, non se descarta que tamén se producise cerámica a nivel local, grazas á aparición de novos fragmentos que presentan fallos de cocción, o que suxire o inicio de centros produtivos na comarca.

Segundo explica Celtia Rodríguez, directora da intervención arqueolóxica, “cada campaña imos sumando novas pezas a este crebacabezas, que nos mostra como estas comunidades rurais fabricaban os seus propios obxectos de uso cotiá”. A investigadora engade que “aínda que non podemos confirmar ao 10 % a produción cerámica no xacemento, todo apunta a que estamos ante os primeiros obradoiros locais de cerámica na contorna, xa que os restos documentados amosan erros de produción que despois se aproveitaron para o consumo de alimentos e a produción culinaria para a comunidade que viviu alí”.

Un dos achados máis significativos foi un fondo de cubeta de escoura de ferro utilizado para a decantación de mineral. “Este descubrimento confirma que en Combarro se producía ferro, probablemente para elaborar ferramentas de uso cotián, da mesma maneira que se facían labores agrícolas, gandeiros e alimentarios”, sinala Rodríguez. “Podemos pensar que hai unha reorganización da produción cara o autoconsumo dos produtos elaborados, pero á vez manteñen contacto con Lugo”, afirma.

O director científico dos traballos, José Carlos Sánchez Pardo, destaca que “ata agora non se documentaran asentamentos altomedievais destas características con este tipo de produción no noroeste”. O profesor da USC engade que este caso “supón a confirmación material dos estudos paleoambientais desenvolvidos no noroeste para os inicios da Alta Idade Media e que estas comunidades seguían usando produción de metal”.

Repercusión social 

Na conferencia desenvolvida no Museo Provincial de Lugo, o pasado domingo, á que asistiron especialistas en cerámica romana e postromana de Galicia confirmouse a importancia dos achados de Combarro. Ante a mostra de materiais presentada durante a charla, os investigadores coincidiron en sinalar que se trata dun contexto datado nos séculos V-VI d.C., no que se documenta tanto a chegada de importacións procedentes de Lugo como un claro cambio na produción cerámica a nivel local.

Durante a campaña recibíronse visitas diarias de veciños e visitantes interesados na historia do rural galego. “Estase a escribir por vez primeira a historia das persoas que viviron no rural galego nos séculos escuros da Alta Idade Media”, sinala Miguel, propietario dos terreos, quen insiste na importancia de continuar coas investigacións: “cómpre seguir afondando no seu estudo”.

A divulgación dos resultados tamén tivo un impulso especial grazas á colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través do ciclo de conferencias programada para unha serie de conferencias científicas sobre o proxecto. Os avances compartíronse no Museo do Mar de San Cibrao, no Congreso Internacional de Arqueoloxía Europea en Belgrado e no Museo Provincial de Lugo.

Este proxecto forma parte dunha colaboración científica  asociada ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) da Universidade de Santiago de Compostela, e está financiada pola Agencia Estatal de Investigación a través do proxecto ESNECON, da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como polo proxecto COIDARQ das axudas posdoutorais da Xunta de Galicia. A iniciativa tamén conta ca colaboración de Lumen Apartamentos e Bar O Castro, negocios de Mondoñedo que apostan pola cultura do seu municipio.
 

The contents of this page were updated on 09.09.2025.