A USC inaugura en Mabegondo unha nova edición do máster en Produción de Leite do Campus Terra, que cubriu todas as prazas
O máster en Produción de Leite do Campus Terra da USC, un posgrao propio da institución académica compostelá coordinado polo profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, José Manuel Pereira, botou a andar este venres unha nova edición nas instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o vicerreitor de coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, participaron na sesión de apertura deste posgrao propio da USC, que, un ano máis, volveu cubrir as 10 prazas de matrícula ofertadas. Estes dez alumnos completarán e recibirán ao longo deste curso de posgrao contidos relativos á produción leiteira ao abeiro dun itinerario formativo de marcado carácter práctico, tal e como se deduce do seu cadro docente. De feito, un 30% do profesorado deste máster pertence á USC, mentres que o 70% restante do profesorado correspóndese con profesoinais do sector leiteiro.
O coordinador do máster en Produción de Leite do Campus Terra da USC, José Manuel Pereira, salientou no acto inaugural, ao que tamén asistiron o director do Ligal, Manuel López, e o director xerente do Ligal, Roberto Lorenzana, que este posgrao da USC permite ao seu alumnado achegarse desde un punto de vista teórico, pero tamén práctico, á situación real pola que atravesa o sector.
Pereira lembrou asemade que a formación prestada a través deste posgrao propio da USC busca satisfacer unha demanda existente no sector agrogandeiro. De feito, antes de que a USC incluíra este posgrao propio na súa oferta formativa, moita xente de Galicia desprazábase ata outras rexións para poder recibir unha formación especialmente demanda por veterinarios, enxeñeiros agrónomos e titulados en administración de empresas.