Skip to main content

O XIX Premio Aresa recae no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia por ser “motor de desenvolvemento rural”

De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Álvaro Rodríguez, Antonio López, José Manuel Silva e Carlota López, tralo fallo do XIX Premio Aresa
De esquerda a dereita, Montserrat Valcárcel, Álvaro Rodríguez, Antonio López, José Manuel Silva e Carlota López, tralo fallo do XIX Premio Aresa
O xurado, presidido polo reitor Antonio López, resolve en Lugo o certame promovido polo grupo Aresa e a USC e ao que concorreron dez candidaturas

O xurado do XIX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un certame promovido de xeito continuado desde o ano 2000 polo grupo empresarial Aresa en colaboración coa USC, acordou distinguir con este galardón, dotado con 10.000 euros, o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) pola achega para facer da “agricultura ecolóxica un dos principais motores de desenvolvemento rural tanto en Galicia, pero tamén no conxunto de Europa”, segundo indicou este xoves o ex director Xeral de Agricultura da UE, José Manuel Silva Rodríguez.

A decisión adoptada por unanimidade polo xurado do XIX Premio Aresa, presidido polo reitor da USC, Antonio López, e do que tamén forman parte o ex director xeral de Agricultura da UE José Manuel Silva; o presidente de Aresa; Álvaro Rodríguez Eiras; o director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado, e a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, salientou asemade o “carácter multisectorial” das actividades reguladas e/ou supervisadas polo Craega, “unha iniciativa a través da que tamén se contribúe á xeración de riqueza, creación de emprego e diversificación de actividade e producións”, relatou o propio Silva Rodríguez, quen tamén fixo fincapé no feito de que “a agricultura ecolóxica, que agora está de moda, é un dos factores que máis está a contribuír ao relevo xeracional no sector agrario e gandeiro, e que, en consecuencia, favorece a implantación de mozos e mozas no eido rural”.

O reitor da USC, Antonio López, recalcou asemade que a candidatura gañadora do XIX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural contribúe á mellora do benestar das persoas que viven e traballan no medio rural, ao tempo que axuda a poñer en valor unha forma de vida ligada a un sector primario que é moi importante tanto na provincia de Lugo como no conxunto de Galicia.

Daquela, Antonio López, trasladou os seus parabéns tanto ao Craega como ás demais candidaturas participantes nesta edición do Premio Aresa, á que concorreron tamén Asoporcel, Galo Celta, Atelier Bisqato, Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, Denominación de Orixe Protexida DOP Cebreiro, Miceltia, Sistema de deshidratación alimentado por enerxía solar para produtos agroalimentarios, Cátedra do Pan e do Cereal da USC e Proxecto H2GZ Raising Water Para e Por Galicia. López tamén aproveitou o acto de comunicación pública do fallo do xurado do Premio Aresa para amosar o agradecemento da USC ao grupo empresarial Aresa pola convocatoria deste recoñecido galardón de xa longa traxectoria.

O presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, destacou na súa intervención a calidade das candidaturas presentadas a esta convocatoria e agradeceu o apoio da USC para a organización do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Rodríguez Eiras avanzou asemade que a cerimonia de entrega do XIX Premio Aresa, un galardón dotado con 10.000 euros en metálico, ademais de placa e diploma acreditativo, desenvolverase previsiblemente o día 8 de marzo de 2019 no auditorio da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo.

Premiados nas edicións anteriores

Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010) e a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011).

Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014. O grupo empresarial galego Agroamb, que atopa a súa sede empresarial no concello lugués de Castro de Rei, resultou merecedor do premio na edición de 2015, mentres que o galardón recaeu na Asociación Ovica en 2016 e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC o pasado ano 2018.

The contents of this page were updated on 01.10.2019.