Skip to main content

A USC recoñece co I Premio Luís Porteiro Garea o compromiso co galego do profesor Manuel Bermejo

Manuel Bermejo posando co premio en presenza do reitor, a vicerreitora Carme Silva, o profesor Vieito Silva e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Núñez Singala (Foto: Santi...
Manuel Bermejo posando co premio en presenza do reitor, a vicerreitora Carme Silva, o profesor Vieito Silva e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Núñez Singala (Foto: Santi...

“Hoxe é un día moi grande, o dunha inmensa honra por recibir este premio da miña Universidade”. Así comezaba moi emocionado no Paraninfo o seu discurso de agradecemento o profesor emérito de Química Inorgánica da USC Manuel Bermejo Patiño tras recibir de mans do reitor, e con todo o público en pé, o I Premio Luís Porteiro Garea de promoción e uso do galego.

Bermejo, que quixo compartir o premio con todo o seu alumnado e colegas, afirmou non ter tido “nunca” ningún tipo de “atranco” por publicar investigación e impartir docencia en galego “alá polos anos 70”, e advertiu do risco que “si corre a nosa lingua hoxe, cando parece que non é algo esencial”. “A lingua é do pobo –dixo-, e temos que concienciarnos da súa necesidade”.

Nesa defensa da lingua galega en todos os ámbitos da vida, tamén no académico, o profesor galardoado reclamou unha normativa lingüística na Universidade. “Só así acadaremos nesta casa o bilingüismo auténtico que desexamos”, sentenciou.

Pola súa banda, Viaño destacou a “fundamental achega” de Manuel Bermejo á consolidación da lingua galega como idioma da universidade “tanto na docencia como na investigación”. “Non só fixo gala dunha praxe docente en lingua galega desde un momento en que tal opción lingüística supuña aínda máis atrancos dos actuais, senón que tamén fixo do noso idioma parte importante da investigación e da posta a disposición da sociedade daqueles resultados máis relevantes que dela emanaban”, afirmou o reitor.

A faceta máis humana de Manuel Bermejo centrou a loa do profesor da Facultade de Ciencias da Educación Vieito Silva Valdivia, que falou dos seus innumerables “méritos intanxibles” e destacou un trazo “moi marcado” do seu carácter como é “a capacidade para catalizar, para tecer redes”. Aproveitou tamén para reivindicar unha maior atención á lingua galega. “Ao plurilingüismo que inclúe unha lingua minorizada só se pode chegar partindo desta, e actos coma este esixen que reflexionemos sobre esta cuestión”, afirmou.

Premio Luis Porteiro
O xurado decidiu por unanimidade concederlle o galardón ao profesor Bermejo polo seu compromiso coa lingua galega dende o inicio da súa carreira docente nos anos sesenta, “os seus esforzos para incorporala de xeito normal na docencia e na divulgación da ciencia, as súas publicacións en galego e as moitas que promoveu durante a súa etapa como director do Instituto de Ciencias da Educación”.

Puxo ademais en valor o “esforzo levado a cabo polo catedrático de Química para estender o uso do galego dende os postos de alta responsabilidade que ocupou na propia USC e na CIUG” así como a pegada “que o seu compromiso deixou en miles de alumnos e alumnas, algúns deles hoxe docentes no ensino medio e na propia universidade”.

Manuel Bermejo Patiño (Foto: Santi Alvite) O público asistente dedicoulle unha longa ovación ao profesor Bermejo (Foto: Santi Alvite)

The contents of this page were updated on 09.15.2017.