Skip to main content

Persoal directivo e orientador de Ensino Medio coñece en Lugo os detalles do programa A Ponte e da PAU 2026

Na xuntanza participaron unha vintena de centros de toda Galicia. Foto: A Ponte
Na xuntanza participaron unha vintena de centros de toda Galicia. Foto: A Ponte
Na xuntanza participaron unha vintena de centros de toda Galicia
Lugo

O Campus de Lugo acolleu este martes persoal directivo e orientador dunha vintena de centros de ensino medio de toda Galicia para coñecer as actividades para este curso do programa A Ponte da USC así como as novidades da PAU de 2026.

A xuntanza, que xa tivera lugar en Santiago, presidiuna o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, que agradeceu a presenza das persoas participantes a encontros coma este, “importantes para tecer ou conservar fíos necesarios entre as distintas etapas educativas”.

A delegada do reitor para o Ensino Medio e coordinadora do Programa, Maite Flores Arias, foi a encargada de presentar as actividades de A Ponte para o presente curso e, na súa condición tamén de presidenta da CIUG, de achegar información sobre a PAU de 2026. Ela tamén quixo agradecer a presenza de todas as persoas presentes, “coas que mantemos un diálogo constante ao longo de todo o curso”, resaltou.

Nesta xuntanza en Lugo participaron representantes de centros de ensinanza secundaria de Ferrol, Oleiros, Becerreá, Guitiriz, Lugo, Meira, Monforte de Lemos, Ribadeo, Ourense e Viana do Bolo.

Programa A Ponte
O programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC desenvólvese de maneira estruturada dende o curso 2003-2004, e ano tras ano incorpora actividades que contan con grande éxito de participación dado que se dedica a difundir a oferta de estudos da USC entre o estudantado preuniversitario ademais de orientar academicamente as súas preferencias.

Entre as actividades, destacan as xornadas de portas abertas ‘Coñece a USC’ para que cada futuro ou futura estudante se achegue aos centros universitarios de Lugo e Santiago para coñecer de primeira man os títulos nos que ten interese. Esta acción ten lugar tras as probas PAU e está dirixido ao estudantado de 2º de Bacharelato e de Ciclos Superiores de Formación Profesional.

Hai ademais charlas temáticas ao longo do curso no que o profesorado da USC ofrece contidos do seu ámbito docente ou investigador a estudantes de Bacharelato e Ciclos Formativos de grao Superior. A algunhas destas charlas tamén poden asistir estudantes de 4º de ESO. No presente curso increméntase o número de charlas con respecto ao curso pasado, chegando a 180 impartidas por 177 docentes de 45 departamentos diferentes. Prevese así aumentar o número de 20.720 estudantes que o pasado curso asistiron a esta actividade.

Por outra banda, A Ponte conta cun programa de visitas da USC aos centros de ensino medio de Galicia para presentarlle a USC ao seu alumnado mediante charlas informativas que levará a cabo un equipo de persoas colaboradoras, ás veces acompañadas de ex alumnado do centro. A convocatoria para solicitalas permanece aberta. O pasado curso realizáronse 131 visitas, nas que participaron máis de 7.800 estudantes.

Co mesmo obxectivo, os Encontros do Ensino Medio na USC ofrecen ao alumnado de ensino medio unha oportunidade de contacto coa Universidade, visitando os centros dos Campus de Lugo e Santiago para recibir información directa dos estudos que organizan. O pasado curso achegáronse ao campus de Santiago 5.380 estudantes de 103 centros e 862 estudantes de 16 centros ao de Lugo. Semellante a esta actividade, existen os encontros virtuais na Zona USC, coa posibilidade de que o alumnado se conecte a unha video-conferencia por cada un dos Graos que oferta a USC.

The contents of this page were updated on 09.30.2025.