Skip to main content

O Servizo de Normalización Lingüística da UC organiza módulos formativos sobre habilidades comunicativas en Lugo e Santiago

A inscrición no monográfico de redacción científica permanece aberta en Compostela ata o 25 de setembro, un prazo que se ampliará en Lugo ata o 13 de outubro

O Servizo de Normalización Lingüística da USC mantén aberta a inscrición nos distintos módulos formativos programados nos campus de Lugo e de Santiago no marco dun curso sobre habilidades comunicativas, orientado á participación de todo o alumnado universitario e especialmente dirixido a aquelas persoas que deben redactar e defender oralmente e con presentacións dixitais traballos académicos de curso e TFG ou mesmo unha tese de doutoramento.

Estruturado en tres módulos de formación específica, de 25 horas de duración cada un e susceptibles de ser recoñecidos por un crédito ECTS para todo o alumnado da USC, o curso de habilidades comunicativas promovido pola área de formación do Servizo de Normalización Lingüística da USC, presta especial atención á redacción científica, presentacións dixitais eficientes e a oratoria en público, que centran a temática de cada un dos módulos do curso.

O monográfico sobre redacción científica é o primeiro dos tres módulos ofertados polo SNL no marco deste curso sobre habilidades comunicativas. Os obxectivos deste programa específico, que en Santiago mantén aberta a inscrición ata o 25 de setembro, mentres que en Lugo o prazo de matrícula prolóngase ata o 13 de outubro, pasan por mellorar a presentación escrita dos traballos académicos e de investigación, ademais de avanzar no manexo eficiente dos recursos da lingua escrita a prol da claridade. Este programa desenvolverase do 2 ao 17 de outubro na Biblioteca Concepción Arenal de Santiago e do 18 de outubro ao 2 de novembro, na Biblioteca Intercentros do Campus Terra.

Presentacións dixitais eficientes é o título do segundo módulo do curso de habilidades comunicativas promovido polo SNL e a través do que se pretende promover a elaboración de presentacións gráficas de calidade e formar ao alumnado universitario no manexo de diversos programas informáticos. O prazo de matrícula neste programa está aberto ata o 13 de outubro para as persoas interesadas en completar en Santiago unha formación que tamén se impartirá na Biblioteca Intercentros de Lugo do 6 ao 16 de novembro. Neste caso, a inscrición rematará a finais de outubro.

O programa do curso de habilidades comunicativas remata cun programa específico de oratoria en público, no que o alumnado traballará habilidades sociais e comunicativas varias, ademais doutras competencias discursivas e orais. As sesións formativas deste módulo, para o que está aberto o prazo de inscrición, desenvolveranse do 2 ao 15 de novembro en Santiago e do 20 ao 30 de novembro, en Lugo.

As persoas interesadas en obter máis información respecto aos contidos incluídos nas diferentes sesións e módulos formativos programados polo Servizo de Normalización Lingüística no marco deste curso de habilidades comunicativas poden facelo na web do SNL da USC, onde tamén atoparán información respecto dos prazos e taxas de matrícula, así como da posibilidade de recoñecemento académico.

The contents of this page were updated on 11.17.2023.