Skip to main content

Entregados os premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación na súa XVI edición

Foto de grupo das persoas premiadas coas autoridades. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo das persoas premiadas coas autoridades. Foto: Santi Alvite
A USC incorpora así seis novas iniciativas a estes galardóns recoñecidos polo European Institute for Gender Equality (EIGE)
Lugo, Santiago de Compostela

As persoas gañadoras da XVI Edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, nos que colabora o Concello de Santiago de Compostela, recolleron este luns 6 os seus galardóns nun acto que tivo lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza do reitor Antonio López e da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Para López, este é un dos actos sinalados no devir da USC, en tanto “premiamos proxectos de valor e repercusión enorme, que pretenden ser un exemplo para que outros e outras poidan seguir avanzando en materia de igualdade”. No mesmo senso pronunciouse Sanmartín, para quen “traballar coa igualdade debe ser algo constante e por iso todo o que se faga dende o ámbito educativo, que abrangue moitos e diversos públicos, axuda a non quitar as gafas violeta”. Pola súa banda, a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez, destacou dos traballos premiados “o seu compromiso, consciencia e resiliencia, tan necesarios para continuar a dar pasos adiante”.

A delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, foi quen leu a acta do veredicto desta edición dos premios, á que se presentaron vinte e dous traballos, oito na modalidade de docencia e catorce na modalidade de investigación, e que levan unha dotación económica de 1.000 euros para os primeiros, 750 para os segundos e 500 para os terceiros.

As gañadoras

O primeiro premio na modalidade de investigación gañouno Carmen Montero Ferrer polo traballo ‘Novos desenvolvementos no ámbito da xustiza internacional penal de xénero’, e na de docencia Silvia López Gómez, Pablo Gayo Pérez e Jesús Rodríguez Rodríguez por ‘Educar con mirada de xénero: materiais didácticos que ensinan e transforman’.

Ademais, na categoría de investigación Ana Álvarez Rodríguez fíxose co segundo premio polo seu traballo ‘Monografía Perspectiva de género y prueba Thomson Reuters Aranzadi, Cizur Menor (Navarra), 2024’ e Mónica Arto Blanco, Tania Merelas Iglesias e Miguel Pardellas Santiago co terceiro por ‘CLIMACTIVA. Iniciativas ciudadanas ejemplares. Integrar la adaptación y la resiliencia ante los riesgos climáticos en estilos de vida’.

Pola súa banda, na modalidade docente o segundo premio recaeu en Silvana Longueira Matos, Esther Olveira Olveira, Antonio Rodríguez Martínez, María González Blanco, Stefany Sanabria Fernandes e Marcos Pequeño Goris coa iniciativa ‘Defender a quen defende: mulleres defensoras de dereitos’ e o terceiro na investigadora do CiTIUS Eva Cernadas García e Manuel Fernández Delgado con ‘Perspectiva de xénero en materias de programación básica’.

O xurado estivo presidido por Sonia Esperanza Rodríguez Boente, delegada do reitor para a Igualdade, e composto ademais por Carmen Fernández Morante, directora do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) que actuou como secretaria, e as vogais Yolanda Maneiro Vázquez e María Teresa Moure Pereiro.

Dimensión de calidade

Os Premios teñen como finalidade fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, considerada como unha dimensión de calidade e innovación docente dos centros, departamentos e institutos de investigación. Esta liña de actuación constitúe unha das principais apostas da USC en materia de xénero, entendendo que un dos maiores potenciais para promover a igualdade efectiva de mulleres e homes reside na incorporación da perspectiva de xénero nas dúas principais facetas da nosa actividade de xeración e difusión de coñecemento: a docencia e a investigación.

A iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea; e incluída na ferramenta en liña (GEAR tool) de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.

O balance dos dezaseis anos de convocatoria anual destes premios pon de manifesto o impacto significativo coa presentación dun total de duascentas corenta e cinco propostas. Estes resultados son coherentes coa existencia dun número importante de grupos de investigación expertos en temáticas de xénero, mentres que a menor participación na modalidade docencia fai fundamental a visibilización destas boas prácticas como referentes para a inclusión da perspectiva de xénero nas aulas.

Por outra banda, a Oficina de Igualdade de Xénero está desenvolvendo coa Biblioteca da Universidade a creación da colección de estudos de xénero dentro do repositorio Minerva, que recolle os traballos de investigación realizados por investigadoras e investigadores da USC, que ten como base os traballos galardoados nestes premios.
 

Público asistente ao acto de entrega. Foto: Santi Alvite
Público asistente ao acto de entrega. Foto: Santi Alvite
O acto contou coa asistencia de autoridades universitarias e civís. Foto: Santi Alvite
O acto contou coa asistencia de autoridades universitarias e civís. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 10.06.2025.