Skip to main content

Convivencia e formación, eixos sobre os que se asenta a terceira edición das xornadas impulsadas polo Consello do Estudantado

As xornadas están especialmente pensadas para persoas de primeiro e segundo curso, pero están abertas a todo o estudantado da USC. FOTO: Santi Alvite
As xornadas están especialmente pensadas para persoas de primeiro e segundo curso, pero están abertas a todo o estudantado da USC. FOTO: Santi Alvite
Esta actividade que pretende facilitar a integración na vida universitaria desenvólvese este mércores 22 en Compostela, logo dunha primeira sesión que tivo lugar o día 14 no Campus de Lugo
Santiago de Compostela

A terceira edición das Xornadas de Convivencia e Formación Universitaria, unha actividade que organiza o Consello do Estudantado para facilitar a integración e formación como parte activa da vida na Universidade, desenvólvese este mércores 22 de outubro no Campus de Santiago, logo da primeira sesión que tivo lugar o 14 de outubro en Lugo.

O programa dos dous días está integrado por charlas, obradoiros prácticos, formacións e dinámicas participativas arredor de temas clave como os dereitos do estudantado, a participación universitaria, a saúde mental, os primeiros auxilios, a carreira investigadora, as habilidades comunicativas, os recursos para o estudo e moitos outros contidos de interese. Ademais, cóntase coa colaboración de diversas asociacións universitarias. A xornada compostelá comezou cunha dinámica de grupo no salón de actos de Ciencias Políticas e Sociais para logo estenderse por diferentes centros do campus universitario.

As xornadas están especialmente pensadas para persoas de primeiro e segundo curso, pero están abertas a todo o estudantado da USC, xa que os contidos e actividades poden resultar proveitosos para calquera persoa interesada en coñecer mellor a Universidade. 
 

The contents of this page were updated on 10.22.2025.