O máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da USC bota a andar en Formación do Profesorado con 24 alumnos
O máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza bota a andar este luns, a partir das 16.30 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC, co acto institucional de apertura da sexta edición dun posgrao oficial cuxa singularidade temática e de contidos o converten nun programa formativo único no sistema universitario español.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás, e o coordinador deste máster universitario, Eugenio Otero Urtaza, presentarán aos 24 alumnos que formalizaron a súa inscrición na nova edición deste posgrao, no marco dun acto no que tamén intervirán a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e a deputada provincial responsable da área de Promoción económica e social , emprego, benestar e igualdade, Sonsoles López Izquierdo.
Unha vez rematada a sesión inaugural da sexta edición do máster Daen da USC, a especialista en educación infantil ao aire libre e profesora da Universidade de Cumbria Ananda Casanova, ofrecerá, ás 17.00 horas, o relatorio ‘Encontros coa natureza: prácticas de aprendizaxe nun mundo máis-que-humano’. A exposición de Ananda Casanova é de entrada libre e está aberta a todo o público interesado.