O profesor Xesús Rodríguez, reelixido presidente da Asociación Internacional de investigación sobre o Libro de Texto e Material Didáctico
O profesor do Departamento de Didáctica e Organización Escolar Xesús Rodríguez acaba de ser reelixido por dous anos máispresidente da Asociación Internacional de Investigación sobre o Libro de Texto e Material Didáctico (IARTEM) no transcurso do congreso que este colectivo acaba de celebrar en Lisboa. Ademais de docente da Facultade de Ciencias da Educación, da que tamén foi vicedecano, Xesús Rodríguez é membro do grupo de investigación Stellae, así como membro do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e director da Revista Galega de Educación.
IARTEM é unha das asociacións internacionais máis importantes a nivel internacional no seu ámbito e a ela pertencen investigadores de máis de 50 países do mundo unidos polo interese común de promover a investigación no ámbito dos libros de texto e os materiais didácticos.
O docente da USC asumirá durante o seu mandato a organización da próxima conferencia internacional da asociación, previsiblemente en Arxentina en 2018, dada a importante traxectoria histórica deste país no relativo á investigación no campo dos libros de texto e materiais didácticos no contexto latinoamericano. Igualmente a próxima conferencia Internacional terá lugar dentre de dous anos en Dinamarca.