Skip to main content

As universidades de Santiago e A Coruña colaboran coa Xunta na implantación da primeira Estratexia de Infraestrutura Verde en Galicia

Juan Viaño, Beatriz Mato e Julio Abalde. Foto: Xunta de Galicia
Juan Viaño, Beatriz Mato e Julio Abalde. Foto: Xunta de Galicia

Os reitores das universidades da Coruña e Santiago, Julio Abalde e Juan Viaño, respectivamente, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaron este martes un convenio para a implantación da primeira Estratexia da Infraestrutura Verde en Galicia, o que permitirá crear unha ferramenta eficaz en materia de biodiversidade, desenvolvemento sostible e adaptación ao cambio climático.

Deste xeito, Galicia sitúase, xunto con Cataluña, País Vasco, Andalucía e Valencia, á vangarda na integración dos aspectos relacionados coa Infraestrutura Verde e adiántase, a un futuro requirimento europeo e nacional. Así o explicou esta mañá a titular do departamento autonómico, quen definiu o proxecto como unha ferramenta “eficaz” e capaz de xerar beneficios ecolóxicos, socioeconómicos, saúde e benestar social.

A colaboración permitirá aproveitar o potencial investigador das universidades galegas a través de cinco grupos de investigación nos que traballarán conxuntamente a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o Instituto de Estudos do Territorio. En total, a Xunta de Galicia inviste 320.000 euros no deseño desta estratexia, que pivotará sobre os grupos de investigación universitarios con tarefas xa definidas, como a identificación e localización espacial dos elementos que forman parte desta infraestrutura, a posta en valor dos servizos ecosistémicos mediante unha relación de posibles esquemas de pagamento e modelo de negocio asociados a estes servizos, as directrices que marcarán a súa xestión, as estratexias para o seu desenvolvemento, isto é, criterios para a restauración ecolóxica, mellora da provisión de servizos ecosistémicos en espazos rurais e urbanos; e, por último, a activación dun proceso de participación cidadá.

Composición dos grupos de traballo
Por parte das universidades participarán, membros do Laboratorio de Biodiversidade, do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER); do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e do Laboratorio do Territorio do Grupo de Investigación Territorio e Biodiversidade, por parte da USC. No que respecta á Universidade da Coruña formarán parte investigadores do departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo e o Grupo de Investigación sobre Visualización Avanzada e Cartografía da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos.

The contents of this page were updated on 09.05.2017.