Skip to main content

A USC impartirá un curso que capacita o profesorado técnico para impartir docencia en FP

A USC impartirá un curso que capacita o profesorado técnico para impartir docencia en FP
A USC impartirá un curso que capacita o profesorado técnico para impartir docencia en FP
Trátase do único curso universitario destas características en Galicia

Para impartir docencia en FP, a Lei Orgánica de Educación (LOE) de 2006 establece os mesmos requisitos que para ESO e Bacharelato e que son posuír o título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto ou o de grao equivalente, ademais da formación de posgrao necesaria. Porén, este requisito non o pode cumprir o corpo de profesorado técnico de FP, dado que ao ser titulados de formación profesional non poden acceder a un master universitario.

Así, para estes casos nos que se posúa unha titulación declarada equivalente para a docencia pero sen acceso a estudos de master, a Universidade de Santiago de Compostela comeza a ofrecer este ano académico 2017-2018 o Curso de especialización en formación pedagóxica e didáctica do profesorado técnico de Formación Profesional, o único que se imparte en Galicia e que a Xunta de Galicia validou esta mañá coa sinatura dun convenio entre reitor da USC, Juan Viaño, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

Con este curso “dáse resposta á necesidade de formación en competencias pedagóxicas dun profesorado concreto”, explicou Viaño. Trátase dun requisito legal, en primeira instancia, dixo, “ pero tamén dunha demanda do profesorado xa en activo ou con perspectivas de incorporación aos cadros docentes da formación profesional”. Pola súa banda, o conselleiro indicou que o curso da USC dará “solución” a casos de certas especialidades do corpo de profesores técnicos de FP, como pode ser o dos ciclos superiores das familias de Imaxe persoal ou Mantemento de vehículos.

Recollido na programación de títulos propios da USC, o curso sae cunha oferta inicial de 60 prazas e unha duración de seis meses, con metodoloxía semipresencial. Dirixido polos profesores Antonio Rial e Carmen Sarceda, incluirá un programa de prácticas externas para o que tamén se contará coa colaboración da Consellaría de Educación.

Ademais do conselleiro e o reitor, no acto de sinatura estiveron presentes o vicerreitor da Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López; os directores do curso; a directora do Centro de Estudos Propios da USC, Ana Díaz; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educación e Formación do Profesorado, Manuel Vila; a xefa do Servizo de Formación do Profesorado, Fátima García; e o xefe do Servizo de Xestión da Formación profesional, José Jardón.

The contents of this page were updated on 07.27.2017.