Skip to main content

O Consello de Goberno aproba o nomeamento de oitos novos eméritos para o curso 2017-2018

Tamén aprobou o regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado da USC

O Consello de Goberno aprobou o nomeamento de oito novos profesores eméritos para o próximo curso 2017-2018. Acceden a esta condición os ata agora catedráticos Andrés Beiras, Juan Jesús Gestal, Francisco Javier Jorge Barreiro, José Mª Martinón Sánchez, Ermelindo Portela Silva, José Rivas Rey, Guillermo Rojo Sánchez e José Joaquín Sánchez Guillén. Na xuntanza tamén se aprobou a prórroga como eméritos para o próximo curso de María Lourdes Montero Mesa, María Isabel Cadavid Torres, Alberto Arce, José A. Gómez Segade, José Carro Fernández-Valmayor, Félix Vidal Costa, Carlos Pajares Vales, Carlos Acuña Castroviejo, Manuel Núñez Rodríguez, José M. González Herrán, Alfonso Rey Álvarez, Luis Iglesias Feijóo, José Mª Fraga Bermúdez, Manuel Bermejo Patiño e Franco Fernández González.

Á condición de emérito/a pode acceder o profesorado doutor que teña destacado polos seus méritos docentes e investigadores, cunha idade entre 65 e 75 anos, que prestara servizo activo na universidade pública durante un mínimo de 30 anos (20 ou máis destes na USC) e ter recoñecido como mínimo un número de tramos de investigación avaliados positivamente que o sitúe no cuartil superior da súa área de coñecemento. Ademais, este profesorado deberá cumprir con algunha das seguintes condicións nos últimos oito anos: ter sido investigador principal dun proxecto dotado con financiamento externo en convocatorias de concorrencia competitiva, ter dirixido ou co-dirixido como mínimo unha tese lida durante ese mesmo período, ter recoñecidos un mínimo de seis tramos de actividade docente ou ter feito unha achega académica, científica ou artística de extraordinario relevo.

O número de prazas ofertadas por esta modalidade, non pode superar o 15% do profesorado con vinculación permanente á USC e dedicación a tempo completo que se tivera xubilado no curso académico anterior. O nomeamento será dun curso académico, prorrogable anualmente ata completar un máximo de cinco. A condición de emérito será vitalicia para os efectos honoríficos e non deriva retribución ningunha nin dereito a indemnización. O profesorado nestas condicións pode colaborar na dirección de tarefas de investigación, na docencia de posgrao ata un máximo de 90 horas lectivas e formar parte dos tribunais de tese e das comisións de avaliación dos traballos fin e grao.

Outras cuestións
O Consello de Goberno aprobou tamén o Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado da USC. Esta normativa regula a organización dos estudos de grao e de mestrado universitario conducentes á obtención dos correspondente títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio estatal. A versión final do documento é froito dun importante labor de coordinación por parte de responsables de centros así como dos propios títulos.

A necesidade de adecuar as normas da USC a marco normativo definido nos últimos anos, a experiencia adquirida na tramitación das titulacións adaptadas ao EEES e as posibilidades que o dito marco lles permite ás universidades (graos de 180 créditos, programas de dobres titulacións, organización das ensinanzas en modo semipresencial ou en liña e nova organización do doutoramento) motivou a revisión de toda a normativa existente ao respecto e a elaboración dun único documento con toda esta regulamentación, sen prexuízo do posterior desenvolvemento que ao respecto se poida facer. Ademais, para facilitar a consulta da normativa que se utiliza na tramitación das titulacións de grao e mestrado, incorpóranse a este regulamento as citas aos distintos acordos a que se fai referencia no documento ou as ligazón s dispoñibles.

The contents of this page were updated on 07.28.2017.