Skip to main content

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións inicia o curso cun ciclo de conferencias

De esquerda a dereita, Segundo López, Almudena Hospido, Nava Castro, Domingo González e Adeline Rucquoi
De esquerda a dereita, Segundo López, Almudena Hospido, Nava Castro, Domingo González e Adeline Rucquoi
Presentouse este luns nun acto na súa sede no Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos de Carretas

A vicerreitora de Internacionalización. Almudena Hospido, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, presentaron este luns aos medios de comunicación a sede da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións no Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos (r/ Carretas, 33). Ademais presentouse tamén a programación dun ciclo de conferencias co que este cátedra comezará o curso 2017-2018. Na presentación tamén interviñeron o director da Cátedra, o profesor Domingo González Lopo, a codirectora Adeline Rucquoi e codirector e deán da Catedral de Santiago, Segundo López Pérez.

Esta Cátedra froito da colaboración entre a USC, a Axencia de Turismo de Galicia e a Catedral ten como obxectivos promover a investigación, formación e transferencia do coñecemento sobre o Camiño de Santiago e a peregrinación. Neste contexto, o encontro cos medios de comunicación serviu tamén de presentación a un ciclo de catro conferencias que se repartirán entre este mes de setembro e o de decembro. A primeira cita será este mesmo luns 4 ás 20.00 horas no propio Centro Internacional de Acollida do Peregrino coa intervención de Fernando Villaseñor Sebastián, da Universidade de Santander, que falará sobre ‘Iconografía de Santiago en libros iluminado baixomedievais’.

Xa no próximo mes de outubro, Raquel Alonso Álvarez, da Universidade de Oviedo, pronunciará unha conferencia o día 6 sobre ‘A Cámara Santa da Catedral de Oviedo. De thesaurus a santuario de peregrinación’. Tomarán o relevo o día 7 de novembro Attilio Antonelli, de Nápoles, cun relatorio sobre ‘A Real e Pontificia Basílica de Santiago dos Españois en Nápoles’ e o 12 de decembro Marco Piccat, da Universidade de Trieste (Italia) arredor da peregrinación a Santiago de Compostela nas vidas de santos medievais.

Actividades
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións promoverá a difusión dos valores asociados coa peregrinación e o fenómeno xacobeo mediante a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas. Fomentará ademais a promoción e organización daquelas iniciativas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria.

A Cátedra tamén impulsará a colaboración con profesores e departamentos universitarios en todo o que favoreza a formación integral do alumnado e promoverá a investigación no campo do Camiño de Santiago e a peregrinación a Compostela. Por outra banda, crearase e manterase un fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas do Camiño e disciplinas relacionadas.

The contents of this page were updated on 09.04.2017.