Skip to main content

Dez promocións de talento matemático galego

Dez promocións de talento matemático galego
Dez promocións de talento matemático galego
Estalmat-Galicia cumpre o seu décimo aniversario reunindo en Matemáticas os seus estudantes e egresados

Como non podía ser doutra maneira, os máis de 70 rapaces e rapazas que este sábado participaron no encontro E4G-2017 para conmemorar o décimo aniversario de Estalmat-Galicia celebraron a efeméride cunha batalla matemática e un xogo de rol.

A Facultade de Matemáticas foi o escenario dun emotivo encontro, que congregou as dez promocións do programa de estímulo do talento matemático que xa cursaron polo menos un curso. O programa da xornada comezou cunha benvida na que participaron a coordinadora xeral do programa e decana da Facultade, Elena Vázquez Cendón; o comité organizador, e os docentes Victor Pollán, responsable do Campamento Matemático, e Teresa Otero, responsable do estudo de egresados de Estalmat.

A partir de aí comezou o xogo. Os rapaces formaron equipos interxeracionais e durante toda a mañá retáronse en ‘batallas’ con problemas matemáticos preparados seguindo as normas, que son un algoritmo moi lúdico. Xa pola tarde foi a quenda dos xogos de rol, onde todos e todas demostraron as súas destrezas na estratexia matemática. O encontro rematou coa entrega por parte da Asociación Galega de Amigos de Estalmat-Galicia dos agasallos aos premiados do Open Matemático do programa deste curso.

O comité organizador deste encontro estivo formado por catro egresadas e outros tantos egresados. Así, do Grao de Matemáticas da USC formaron parte Alicia Seijas Vázquez, Bárbara Rodríguez Presedo, Elena Blanco González e Fernando Castro Prado; Iago Velasco López, de Ciencias Políticas e da Administración da USC; Luis Antonio López Valcárcel, de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo; Luis Cobas Concheiro, de Enxeñaría Informática da UDC, e Marina López Seoane, do dobre grao de Matemáticas e Física da Universidade de Oviedo.

O Proxecto ESTALMAT-España está pilotado por membros da Facultade de Matemáticas da USC e avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC. Conta co apoio financeiro da Fundación Española de Ciencia y Tecnología e cun específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das Deputacións da Coruña e Lugo.

The contents of this page were updated on 07.15.2017.