Inaugúranse os cursos de verán de lingua e cultura española para estranxeiros, con estudantes de tres continentes
Estudantes de catorce países de tres continentes chegan esta semana a Compostela para participar ata setembro nos cursos de verán de lingua e cultura española para estranxeiros que organiza Cursos Internacionais da USC.
A inauguración oficial desta nova edición terá lugar este venres 7 ás 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto que presidirá o reitor Juan Viaño e ao que asisten a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento económico e Turismo, Marta Lois González; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez; a directora de Cultura do Instituto Cervantes, Beatriz Hernaz Angulo; e a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Pilar Taboada de Zúñiga Romero.
A conferencia inaugural, titulada ‘Vagabundaje, exilio, viaje: en torno a la literatura viajera’ impartiraa a catedrática do Departamento de Linguas estranxeiras e vicerreitora de Internacionalización da Universidade Nacional de Taiwán, Luisa Chang. A doutora Chang é correspondente estranxeira da Real Academia da Lingua española e tradutora ao chinés das obras do escritor Camilo José Cela.
No acto estarán presentes os estudantes e coordinadores estranxeiros que participan nos cursos de lingua e cultura, procedentes de universidades e centros educativos e culturais de moi diversas procedencias, como Alemaña, Italia, Reino Unido, Suecia, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Bangladés, Arabia Saudí, China, Hong Kong, Corea do Sur, Xapón e Taiwán.
Para todos eles, Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden 20 horas semanais de clases de lingua e cultura, coa temática xacobea como obxecto de estudo non só nos seminarios senón tamén nas actividades culturais e lúdicas que teñen lugar ás tardes. Así, o alumnado participa en visitas guiadas á cidade e ao patrimonio da USC, obradoiros de gastronomía, baile e música e excursións á Ribeira Sacra, Parque Nacional das Ilas Atlánticas, Ría de Arousa, Lugo, o Camiño de Santiago, A Coruña e Rías Altas, Pontevedra e Rías Baixas.