Skip to main content

Milagros Izquierdo explicou nunha conferencia en Matemáticas as particularidades da banda de Möbius

Milagros Izquierdo, nun momento da súa intervención
Milagros Izquierdo, nun momento da súa intervención

A profesora da Linköping University Milagros Izquierdo analizou nunha conferencia na Facultade de Matemáticas como a banda de Möbius interrelaciona as matemáticas e a arte e como ten inspirado a numerosos artistas ao longo do século XX aínda que, como lembrou na súa intervención, unha das primeiras se construíu en literatura por Lewis Carrol. Así a profesora Izquierdo usou a banda para ilustrar como os conceptos matemáticos nos axudan a entender a arte e como, esta última disciplina, axuda á súa vez a ‘ver’ conceptos matemáticos.

Como explicou a doutora Izquierdo a propiedade máis interesante da banda de Möbius en relación á arte é que só ten unha cara, o que matematicamente se define como non orientable. Esta particularidade converteuna nun dos obxectos matemáticos máis usados fóra deste ámbito, ao tempo que espertou unha reflexión que Milagros Izquierdo sintetiza ao sinalar que “ao ter unha soa cara o pasado é o futuro porque, que outra cousa é a eternidade?”.

A conferencia impartida na Aula Magna da Facultade de Matemáticas tamén serviu de oportunidade para mostrar diferentes exemplos de bandas na arte, especificamente en escultura, pintura, literatura, deseño gráfico e arquitectura. Milagros Izquierdo lembrou tamén que a primeira banda de Möbius aparece en música así como cen anos antes que o concepto matemático, co Crab Canon do mestre das simetrías J. S. Bach.

Milagros Izquierdo era ata hai dous anos presidenta da Real Sociedade Matemática Sueca e é medalla de honra da UNED. Actualmente realiza unha estadía en Galicia no marco do programa Erasmus.

The contents of this page were updated on 02.13.2019.