Skip to main content

Estudantes de tres continentes asisten este verán aos cursos de lingua e cultura española para estranxeiros

Na mesa, Pilar Taboada de Zúñiga, Nava Castro, Juan Viaño, Marta Lois González e Beatriz Hernanz
Na mesa, Pilar Taboada de Zúñiga, Nava Castro, Juan Viaño, Marta Lois González e Beatriz Hernanz

Estudantes de catorce países de tres continentes chegaron esta semana a Compostela para participar ata setembro nos cursos de verán de lingua e cultura española para estranxeiros que organiza Cursos Internacionais da Universidade de Santiago.

A inauguración oficial desta nova edición tivo lugar no Colexio de Fonseca nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no que tamén interviñeron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento económico e Turismo, Marta Lois; a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; a directora de Cultura do Instituto Cervantes, Beatriz Hernaz; e a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Pilar Taboada.

O reitor comezou a súa intervención dando a benvida aos participantes á USC, “unha casa de coñecemento sólida, con máis de 500 anos de historia e unha das primeiras de España, cuxos piares fundacionais se erixen precisamente na ensinanza da Gramática”, e agradeceulles que logo vaian expandir o seu coñecemento e “o nome da nosa Universidade” por todos os lugares do mundo. Concluíu animándoos a estudar as orixes e particularidades do Camiño, “unha das rutas culturais más importantes e recoñecidas do planeta”, ao tempo que vivir “a maxia desta experiencia única”.

O acto desta tarde dedicouse ao escritor e académico galego Camilo José Cela, Premio Nobel de Literatura en 1989 e Premio Cervantes en 1995, do que se cumpren 15 anos do seu pasamento. Por esta razón, Cursos Internacionais convidou para pronunciar a conferencia inaugural á catedrática do Departamento de Linguas estranxeiras e vicerreitora de Internacionalización da Universidade Nacional de Taiwán, Luisa Chang, que é ademais correspondente estranxeira da Real Academia da Lingua española e tradutora ao chinés das obras do escritor Camilo José Cela. O relatorio levou por título ‘Vagabundaje, exilio, viaje: en torno a la literatura viajera’.

Programa formativo e cultural
No acto estiveron presentes os estudantes e coordinadores estranxeiros que participan nos cursos, de universidades e centros educativos e culturais de moi diversas procedencias, como Alemaña, Italia, Reino Unido, Suecia, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Bangladés, Arabia Saudí, China, Hong Kong, Corea do Sur, Xapón e Taiwán.

Todos eles participarán nos programas formativos de 20 horas semanais de clases de lingua e cultura, coa temática xacobea como obxecto de estudo, e nas actividades culturais e lúdicas que terán lugar polas tardes e que comprenden visitas guiadas á cidade e ao patrimonio da USC, obradoiros de gastronomía, baile e música e excursións á Ribeira Sacra, Parque Nacional das Ilas Atlánticas, Ría de Arousa, Lugo, o Camiño de Santiago, A Coruña e Rías Altas, Pontevedra e Rías Baixas.

Luisa Chang, vicerreitora de Internacionalización da Universidade Nacional de Taiwán Beatriz Hernanz, Almudena Hospido, Marta Lois González, Luisa Chang e Pilar Taboada de Zúñiga

The contents of this page were updated on 07.07.2017.